Skip to main content

Galicia acada os mellores resultados turísticos da súa historia en tempada media e suma preto de 1,5 millóns de viaxeiros

Así o número de viaxeiros está a medrar en Galicia a un ritmo superior ao 5% -un 1,5% máis que a media española- e tamén están a permanecer cada vez máis noites na nosa Comunidade. De feito, a demanda turística creceu un 7% facendo posible que Galicia rexistrase ata maio o crecemento turístico de maior intensidade de España, seguida por Castela e León e Madrid.

Chegan máis viaxeiros do resto de España, tamén viaxan máis os galegos no seu territorio e cada vez gaña máis peso o mercado internacional. De feito segundo o INE, a cifra de viaxeiros estranxeiros medrou máis dun 10% e a de pernoitas supera o 12%. O turismo internacional representa o 26% do total, un peso que nunca antes acadara o mercado estranxeiro nos primeiros cinco meses do ano e que responde, en boa medida, á estratexia do Goberno galego de internacionalizar a oferta turística da Comunidade.

Hoteis e pensións foron as modalidades de aloxamento máis habituais para a súa estadía en Galicia. En concreto, o 91% aloxouse neste tipo de establecementos, seguidos polo turismo rural, os apartamentos turísticos e os campings. Todas as modalidades turísticas viron mellorados os seus resultados, con incrementos superiores ao 10% no turismo rural.

As cifras reflexan ademais que os viaxeiros quedan máis tempo en Galicia, xa que a estadía media sobe un 2% en relación ao dato de 2018 colocando a cifra do acumulado a maio na máis elevada dos últimos seis anos.

Máis tempo e máis gasto

Pontevedra foi a provincia galega onde máis medrou o turismo nos primeiros cinco meses do ano ao alcanzar unha suba do 7,6% con respecto a 2018 e un incremento de preto dun 9% no volume de noites. En segundo lugar situouse Lugo, ao rexistrar un 5% máis de viaxeiros que fai un ano, seguida da Coruña, cun alza do 4,5% e Ourense, cun incremento turístico do 1,6% con respecto a fai 12 meses.

Os datos do INE reflexan como ademais de quedar máis tempo, os turistas gastan máis na Comunidade. As tarifas hoteleiras melloraron ata maio un 1,5% e a rendibilidade acadou a cifra máis elevada da década; o que constata a aposta da Xunta por un turismo de calidade.
R.