Skip to main content

Celébranse esta fin de semana as VIII Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños da Ribeira Sacra

A Consellería de Cultura e Turismo celebrará esta fin de semana as Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños da Ribeira Sacra, dentro da oitava edición deste programa de enoturismo que se desenvolve nas cinco denominación de orixe galegas e no que a consellería inviste máis de 230.000 euros para a súa promoción ata 2021.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentaron hoxe as actividades previstas para os vindeiros días, acompañados polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Viños da Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, e o presidente do Consorcio de Turismo e alcalde en funcións de Sober, Luís Fernández.

Entre os días 14 e 16 de xuño abren as súas portas 11 adegas da Ribeira Sacra, oito delas na provincia de Lugo e tres na de Ourense, que ofrecen visitas guiadas e gratuítas e a posibilidade de degustar algúns dos mellores viños da denominación.

Adhírense a estas xornadas algúns restaurantes nos que se pode escoller entre dous menús concibidos especialmente para a ocasión, maridados con viños da denominación de orixe, e complétase a experiencia coa posibilidade de realizar visitas guiadas a elementos de interese patrimonial e paisaxístico, como os canóns do Sil, o antigo túnel mineiro de Montefurado, os abundantes mosteiros e igrexas que dan nome á zona, ou os núcleos oleiros de Gundivós (Sober) ou Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo).

Entre outras propostas, tamén se inclúe unha ruta gratuíta polo románico do Pantón, o sábado día 15, de aproximadamente catro horas de duración visitando o Mosteiro do Divino Salvador, San Miguel de Eiré, Santo Estevo de Atán e San Vicente de Pombeiro con guía especializado. E todos os días, en distintos horarios, unha visita gratuíta ao Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra incluíndo unha degustación.

As persoas que o desexen poden optar por utilizar o Bus do Viño, un servizo de transporte e guía acompañante especializado na Ribeira Sacra cun programa de visitas concreto. Así, o sábado sairán buses dende Monforte de Lemos, Ourense e Lugo. O percorrido é distinto segundo o punto de partida, pero todos inclúen varias adegas e actividades complementarias (visitas a museos, mosteiros, un paseo en lancha polo Miño...). O domingo haberá saídas dende Monforte de Lemos e Ourense.

Nesta fin de semana celebran tamén as Xornadas de Portas Abertas as denominacións de orixe de Monterrei e Valdeorras, mentres que nas do Ribeiro e as Rías Baixas realizáronse entre o 7 e o 9 de xuño. En total, participan neste evento 67 adegas. O programa completo pode consultarse na páxina web das Xornadas das Rutas dos Viños.

Esta iniciativa enmárcase no compromiso do goberno galego por impulsar e poñer en valor o enoturismo na nosa Comunidade no que está a realizar un notable investimento, de 4,3 millóns de euros en diversas accións que inclúen, ademais da posta en marcha destas xornadas, tamén a sinalización turística das rutas, museos centrados no potencial enolóxico en Ribadavia ou no Condado de Tea, o impulso á posta en marcha do spa viñoterapia de Leiro ou a conservación dos lagares rupestres de Oímbra, entre outras actuacións ás que se suman o apoio ás numerosas festas de interese turístico arredor deste produto.
R.