O Pop Up Galicia, Saberes e Sabores regresa a Madrid esta Semana Santa para presentar o mellor da artesanía e a gastronomía da comunidade
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/saberes_sabores.jpg)
Como en anteriores edicións, a programación completarase con actividades e talleres de gastronomía e artesanía gratuítos para familias. Tras o éxito da pasada edición o taller de torneado cerámico impartido por Carlos San Claudio será un fixo da programación diaria. Os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera impartirán cinco novos talleres que se alternarán ao longo de toda a duración do evento. Tratarán desde a elaboración de papel artesanal, a encadernación, a creación de papel marmolado, a técnica de impresión xaponesa de gyotaku e o procedemento fotográfico monocromo das cianotipias. A elaboración das figuras protectoras tradicionais de miolo de pan, coñecidas como san andresiños, a cargo do artesán Jorge Bellón será outra das novidades que os asistentes poderán gozar durante o primeiro fin de semana.
No ámbito da gastronomía, o programa de actividades acollerá tres talleres a cargo do recoñecido barista compostelán Óscar de Toro. Así, o sábado 13 impartirá o taller Descubre un leite Únicla. O mesmo día, tamén propoñerá un xogo de sentidos onde o gusto dos asistentes se poñerá a proba. Mediante o taller Sensacións do sabor cataranse alimentos, co nariz e os ollos tapados, probando por exemplo a morder tamén a pebida de uva, para educar o padal á abstrinxencia. Unha vez co gusto ben adestrado, farase unha cata de café, valorando e comentando os diferentes cafés. Por último, o domingo 14, no taller Servicio Perfecto by Estrella Galicia, de Toro, campión Galego de Beer Master, ensinará a tirar a cana perfecta.
Por outra banda, o venres 12 o xefe de cociña Jorge Gago, do restaurante compostelán Amaceta, dirixirá o primeiro dos showcookings que acollerá a aula de cociña da tenda pop up Galicia, Saberes e Sabores e presentará a plataforma de comercialización de produtos de plazadeabastosgalicia.com. Pola súa parte, a cociñeira Lucía Freitas, que conta cunha Estrella Michelin e un Sol Repsol no seu restaurante A Tafona de Santiago de Compostela, tamén impartirá un showcooking o sábado 13 e dirixirá o venres 12 o taller Do mar ao prato, un curso de preelaboración de diferentes peixes, mariscos e algas.
A través do Taller de fusión gastronómica. Da fábrica de Estrella Galicia á mesa o xefe de cociña Pedro Pérez de Bacelo, do restaurante ourensano Taberna Vinaria, dirixirá o luns día 15 un showcooking con materias primas cervexeiras.
Por último, da man de Galicia Calidade, un dos expoñentes da cociña lucense, o xefe de cociña Héctor López do restaurante España de Lugo, que conta con dous Soles Repsol, será o encargado dun showcooking o martes 16.
En paralelo, a Terraza Galicia será un punto de encontro gastronómico e de ocio, que contará cun menú de especialidades galegas. Presentacións de produto, catas e degustacións a cargo dos expositores complementan unha oferta amplísima na que as confluencias entre Artesanía de Galicia e a gastronomía galega mostrarán todo o seu potencial, apostando pola cooperación mutua para continuar fortalecendo unha comunicación que propicie a innovación e as colaboracións transversais e que achegue un valor engadido a cada especialidade.
A nova edición do Pop Up Galicia, Saberes e estará aberta de luns a xoves en horario ininterrompido de 12:30 a 21:30 horas, o venres e o sábado de 12:00 a 22:30 horas e o domingo de 12:00 a 21:30 horas. A Terraza Galicia estará aberta todos os días que dure o evento en horario de 12:00 a 23:00 horas.
R.