Skip to main content

As casas de turismo rural experimentan un crecemento de viaxeiros de preto do 14% durante o mes de novembro

Máis aló da suba de viaxeiros aloxados, as casas de turismo rural tamén viron incrementada a súa demanda, cun 12% máis de noites, o que permite elevar a súa ocupación un 1%, tal e como amosan os datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Grazas a esta mellora, os establecementos extrahoteleiros da Comunidade galega acadaron no decimo primeiro mes do ano un 7% máis de turistas e un 1% máis de pernoitas.

A este balance súmase o obtido polos hoteis, con aumentos do 8,3% na súa demanda durante o mes de novembro, afondando así na desestacionalización, un dos obxectivos fixados pola Administración autonómica e o sector na Estratexia do Turismo de Galicia 2020.

7,7% máis de estadía media

En conxunto, os establecementos regrados de Galicia deron pasos salientables noutra serie de variables como a estadía media, cun 7,7% máis ata a cifra máis elevada en seis anos, mentres no conxunto do Estado caeu un 3,3%. Así mesmo, a ocupación medrou un 2,2% con comportamentos positivos en hoteis, pensións, casas de turismo rural ou cámpings.

En total, o número de noites nos aloxamentos turísticos superou as 527.000, o que sitúa a Galicia como a sétima comunidade –só por detrás dos principais destinos do conxunto do país– e a primeira entre as rexións do norte peninsular agrupadas na marca España Verde.
R.