Os 'Trens turísticos de Galicia' pechan tempada cos mellores datos de ocupación da súa historia e preto de 2.300 viaxeiros

Os Trens Turísticos de Galicia reveláronse un ano máis como unha das mellores opcións para coñecer algúns dos recursos e paisaxes galegos máis destacados entre persoas de distintas partes do mundo, como así o demostra o incremento do número de viaxeiros que chegaron de seis países de Europa, así como de Asia, África ou América. A eles uníronse os usuarios procedentes de ata 15 comunidades autónomas de España.
Alta satisfacción dos usuarios
Os datos da tempada de 2018 tamén constatan os altos niveis de satisfacción dos viaxeiros, xa que preto do 97% recomenda a experiencia. Estas cifras avalan o éxito desta iniciativa que combina natureza, termalismo, enogastronomía e cultura nas 12 rutas que percorren as catro provincias. A edición deste ano incorporou dous novos itinerarios e teatralizacións a cargo de personaxes que descubriron a historia dos lugares incluídos na viaxe.
As estreas e melloras achegaron importantes atractivos, pois incorporaron ao programa de visitas espazos emblemáticos do patrimonio galego, adegas e novos museos. Os Trens Turísticos de Galicia preparan xa a súa sétima edición como proposta de turismo de calidade e sustentable que encaixa co modelo plasmado na Estratexia do Turismo de Galicia 2020.
R.