Skip to main content

O conselleiro de Cultura destaca o ritmo 'satisfactorio' no avance das obras da Catedral de Santiago

E destacou que “coas obras que está previsto licitar no 3º trimestre deste ano, estarán contratadas actuacións por máis de 11.700.000 euros, o que comportará un 70% de execución prevista” o que supón, en palabras de Román Rodríguez, “que se avanza a un ritmo razoablemente satisfactorio”.

En concreto, no terceiro trimestre de 2018 está previsto licitar a restauración dos paramentos verticais da xirola e dos paramentos interiores e bóvedas da nave central, transepto, naves laterais e triforio; a actuación nas cubertas do templo, que inclúen a nave principal e o cruceiro; a restauración da fachada sur e oriental do claustro, da torre do tesouro e das cubertas da devandita ala oriental do claustro; e, finalmente, a restauración das cubertas da ala norte do espazo claustral.

Ao respecto das obras de rehabilitación da Catedral, o titular de Cultura explicou que desde o principio, a Fundación Catedral e a Xunta de Galicia pensamos que era necesario informar e explicar os pasos que se ían dando durante esta posta a punto da basílica compostelá. “Entendemos ‒en palabras de Rodríguez‒ que este era un camiño que debíamos compartir coa cidadanía galega.” E afirmou que, desde o punto de vista da xestión do Patrimonio, a Fundación Catedral de Santiago é, en moitos aspectos, un referente tanto no ámbito nacional como internacional.

Román Rodríguez lembrou a importancia da conciencia cívica no uso e desfrute do Patrimonio. Neste sentido, concluíu afirmando que “respectando e coidando o patrimonio, respectámonos e coidámonos a nós mesmos.”
R.