Promóvese o turismo de cruceiros no evento Cruise 360, en Florida (USA)

Neste encontro profesional, no que participaron os operadores turísticos especializados máis importantes desta área xeográfica, desenvolvéronse xuntanzas de traballo, seminarios e conferencias, nas que Turismo de Galicia contactou cos operadores turísticos e consignatarios norteamericanos.
Deste xeito, Turismo de Galicia participou en xuntanzas individuais con axentes turísticos especializados en cruceiros, e en distintas reunións colectivas para difundir os valores e os servizos turísticos de Galicia, en xeral, e a capacidade para atraer cruceiros, en particular.
O turismo de cruceiros, un sector en alza
O turismo de cruceiros é un sector en alza na nosa comunidade e así o demostran os datos.
O turismo de cruceiros en Galicia pasou de mover uns 120.000 pasaxeiros en 2003 a máis de 345.000 en 2014. Concretamente a nosa comunidade recibiu no pasado ano a un total de 345.665 pasaxeiros de cruceiros, o que supón un incremento do 1,1% en relación ao 2013.
O turismo de cruceiros presenta, polo tanto, un gran potencial e un gran recursos desestacionalizador, xa que a súa influencia alárgase dende o mes de abril ata outubro principalmente.
A cidade de Vigo foi a que máis pasaxeiros de cruceiros recibiu no pasado ano cun total de 176.019 e un incremento do 2,5% en relación ao ano anterior. Deste xeito, o porto do sur de Galicia acolleu o 50,9% do total dos cruceiristas que chegaron a nosa comunidade.
No segundo lugar situouse o porto de A Coruña, o cal albergou un total de 129.597 pasaxeiros procedentes de cruceiros, un 37,4% do total.
Á cidade de A Coruña síguelle o porto de Ferrol cun total de 39.017 pasaxeiros, o que supón o 11,3% do total. Compre destacar o espectacular incremento rexistrado por este porto que no pasado ano incrementou os seus cruceiristas nun 295,5%, en relación ao ano 2013.
Por último, o porto de Vilagarcía acolleu 1.032 pasaxeiros de cruceiros ao longo do 2014, o que supón o 0,3% do total de cruceiristas que visitaron a nosa comunidade.
WTM Latin América
Por outra parte, o turismo galego estivo tamén presente en Brasil na feira World Travel Latin América. Esta foi a primeira vez que Turismo de Galicia participa neste certame profesional que celebra este ano a súa 3ª edición, dentro do marco do encontro anual da Asociación Brasileira de Operadoras de Turismo – Braztoa-.
Galicia recibiu o ano pasado un total de 280.000 turistas estranxeiros procedentes de América, dos que 55.000 foron brasileiros, dato que supuxo o 5,2% dos turistas estranxeiros totais que visitaron Galicia en 2014.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia