Skip to main content

Fernando X. Blanco anuncia que a Ribeira Sacra será o produto estrela da promoción turística galega en Fitur 2006

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, anunciou que a Ribeira Sacra será o produto “estrela” da promoción turística de Galiza na Feira Internacional do Turismo (FITUR 2006) que terá lugar en Madrid do 25 ao 29 de xaneiro. Deste xeito, Fernando Blanco amosou o compromiso da súa consellería coa promoción turística da zona, durante o acto de presentación do proxecto operativo para o Plano de Dinamización Turística da Ribeira Sacra que se celebrou esta mañá en Chantada.

O conselleiro nacionalista reafirmou a aposta do Goberno Galego polo desenvolvemento turístico da Ribeira Sacra como liña de actuación que contribúa a frear o despoboamento que sofre esta zona do interior do país. Neste sentido, Blanco subliñou a importancia do Plano de Dinamización Turística á hora de fixar poboación e “mellorar a calidade de vida e o benestar dos seus habitantes”. O titular de Innovación e Industria animou á iniciativa privada a colaborar na promoción turística da zona e amosouse seguro de que a Ribeira Sacra chegará a consolidarse como unha marca de peso nos mercados turísticos, “co esforzo conxunto da iniciativa pública e a privada”. Asemade, o conselleiro aproveitou este acto para reafirmar o compromiso de Innovación e Industria para acadar acordos de colaboración cos concellos da zona no resto de materias que son competencia desta consellería.

Fernando Blanco fixo estas declaracións durante a presentación do proxecto operativo para o Plano de Dinamización Turística da Ribeira Sacra, que conta cun orzamento total de 2,94 millóns de euros, financiado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a Consellería de Innovación e Industria e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, cunha achega de 980.000 euros por parte de cada unha das tres institucións.

O plano de dinamización turística para a Ribeira Sacra desenvolverase en tres anos e con el preténdese potenciar o turismo como un dos eixos do desenvolvemento da zona. Preténdese así construír un proxecto turístico novo para a Ribeira Sacra, un proxecto innovador que responda ás demandas da nova etapa na que se atopa o turismo de interior: trátase de crear produtos que vertebren o territorio, nos que o contorno xogue un papel fundamental e que contribúan a acurtar a distancia entre habitantes e visitantes.

Neste sentido, vanse desenvolver liñas de actuación baseadas nos recursos patrimoniais máis importantes da zona: a paisaxe, a cultura, o río, o viño, os dous paradores dos que dispón ou o patrimonio histórico e artístico-cultural, por citar algúns elementos que serán postos en valor e que permitirán potenciar a Ribeira Sacra como destino turístico único no conxunto do sector.

O plano incluirá cinco grandes áreas de actuación: actuacións referidas á estratexia, nas que se desenvolverá todo o proxecto operativo do plano; actuacións referidas ao produto; aquelas outras referidas á promoción e á comunicación; as de comercialización, e as relacionadas cos recursos humanos.

Concretamente no tocante ao produto, o plano promoverá a achega do patrimonio da Ribeira Sacra aos visitantes. Así, realizaranse melloras medioambientais, paisaxísticas e de rehabilitación nos concellos; modernizarase e mellorarase a sinalización; instalaranse equipamentos de atención, información, interpretación e venda e realizaranse novas intervencións no patrimonio, cun proxecto específico para as pequenas igrexas, que serán rehabilitadas para a súa posta en valor, ao igual que as tres presas existentes na zona. Asemade, melloraranse os espazos expositivos existentes, sobre todo nos cascos históricos; crearanse propostas turísticas especiais –como unha rede de miradores nas dúas marxes do río– e potenciaranse elementos dinámicos como o Centro de Interpretación ou o Centro de Innovación do Viño.

No referido ás actuacións en materia de comunicación e promoción, prevese a realización de estudos cualitativos do público obxectivo, a elaboración e posta en marcha dun plan de comunicación integral, coa incorporación dunha nova imaxe de marca, a edición de distintos materiais de promoción e a creación dunha web unitaria para a Ribeira Sacra.

En canto á comercialización, desenvolverase un plano específico no que se incluirán os distintos paquetes turísticos segundo segmentos de públicos, a incorporación das novas tecnoloxías na comercialización, a presentación do produto Ribeira Sacra en destinos complementarios ou unha liña complementaria de apoio en feiras do sector, por citar algúns exemplos. Por último, no referido aos recursos humanos, porase en marcha un plan de calidade para adecuar a industria turística da zona á nova realidade do sector e abriranse liñas de colaboración con distintas entidades e asociacións para fomentar a cultura do consenso entre todos os axentes do sector e a formación dos seus profesionais.

Os concellos que se beneficiarán da posta en marcha deste plano son os de Portomarín, Paradela, Taboada, Chantada, O Saviñao, Carballedo, Pantón, Sober, Monforte, A Pobra do Brollón, Ribas do Sil e Quiroga, todos eles na provincia de Lugo. E na provincia de Ourense, os concellos beneficiados son os da Peroxa, Nogueira de Ramuín, Esgos, Parada de Sil, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, A Teixeira e Castro Caldelas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia