Skip to main content

A Catedral de Santiago acollerá unha actuación de luz, cor e música para dar a benvida á segunda parte do Xacobeo

A Porta Santa volverá ser a protagonista desta benvida á segunda parte do Xacobeo concibido como un acto de transición entre os dous Anos Santos. Deste xeito, e a través dun espectáculo audiovisual, iluminarase a fachada da Quintana e a Porta Santa, lembrándolle así aos peregrinos que o Xacobeo continúa ao longo do vindeiro ano.

O acto dará comezo a partir das 18,15 horas da man de Carlos Núñez, que interpretará tres temas musicais, o primeiro deles acompañado polo músico galego Xabier Díaz. As notas destes internacionalmente recoñecidos artistas terán apoio audiovisual que se proxectará sobre a fachada da Quintana e que servirán de antesala do espectáculo audiovisual co que se iluminará a fachada da Quintana a través dun videomapping que incluirá luz e cor, así como efectos sonoros e de 3D con obxectivo de lembrar a continuidade deste Xacobeo e convidar aos peregrinos do mundo a seguir camiñando a Galicia durante o 2022. O acto rematará cunha actuación musical a cargo da Real Banda de Gaitas de Pontevedra.

Retransmisión a través da TVG

O comezo oficial da segunda parte deste Xacobeo contará coa participación de autoridades e entidades convidadas vencelladas co Camiño de Santiago, ademais de que o público que así o desexe poderá achegarse ata a Praza da Quintana para ver o evento en directo. Tal e como se fixo o ano pasado, o acto tamén poderá seguirse a través da retransmisión en directo ofrecida pola canle convencional de Televisión de Galicia así como a través da canle de Youtube e redes sociais do Camiño de Santiago e Turismo de Galicia.

De igual xeito, ofrecerase este evento nas redes sociais de Turespaña e a través das diferentes canles de Youtube e redes das Oficinas de España no Exterior (OETs) de Frankfurt, Munich, Bruxelas, A Haia, Londres e Bos Aires, ademais de difundirse a información e a retransmisión do acto ás asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e centros galegos repartidos polo mundo, co obxectivo de seguir promovendo a celebración deste Xacobeo histórico fóra das nosas fronteiras.
Catedral de Santiago