Skip to main content

As risas volven a Vilagarcía nunha nova edición de Festaclown

“Tras máis dun ano marcado pola covid, que volvan o clown, o circo e a cultura é agora máis necesario que nunca. Non sabemos se a risa é a mellor medicina, pero sen dúbida demostrou ser imprescindible para resistir”, afirma Nacho Fungueiriño, coordinador do Festaclown.

Un ano máis, as protagonistas do Festaclown serán as mellores compañías galegas: Pedras de Cartón, Circo Chosco, Dani García, A Vela Circo, Sue Moreno ou Assircópatas. Completan a programación grandes nomes a nivel estatal e internacional como Tchyminigagua, Bergamotto Clown, Mayte Guevara, Rudi Dudi ou Eddy Eighty.

O compromiso social segue sendo o signo distintivo do Festaclown, con actividades como o CheckPoint Clown de Pallasos en Rebeldía ou os espectáculos de narración oral pola igualdade e a diversidade, a cargo de Larraitz Urruzola e Xarope Tulú.

Para ir quecendo motores o 12 de agosto comezarán as actividades previas. Ese mesmo día terá lugar a celebración dos 20 anos de clown de Fran Rei e Pedro Brandariz cunha escolma dos seus mellores momentos cómicos. O día 13 o grupo de teatro Clámide celebrará os seus 40 anos de historia co seu particular Enfermo Imaxinario e o día 16 as rúas de Vilagarcía encheranse de ambiente e música con Troula e Somdolilá.
Festaclown