Skip to main content

O Atlas de Covas e Canóns de Galicia pon a disposición de todos os usuarios máis de medio milleiro de recursos



O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado dos responsables da Federación Galega de Espeleoloxía, presentou na mañá de hoxe o ‘Atlas de Covas e Canóns de Galicia’ que xa está dispoñible desde hoxe para todos os usuarios. O mandatario galego destacou a importancia dos xacementos galegos como a famosa Cova do Rei Cintolo, a cova máis grande de Galicia e a que conta con maior percorrido horizontal e puxo en valor o máis de medio milleiro de recursos que se atopan neste atlas, entre covas e canóns.

Neste sentido, lembrou que a Federación Galega de Espeleoloxía conta con medio milleiro de licencias deportivas que de seguro medrarán grazas a este “inxente traballo de compilación”. Unha boa nova, dixo, xa que “como demostran numerosos estudos médicos como o realizado polo Instituto Biomédico da Coruña da man do Sergas, facer deporte, e sobre todo, deporte federado afasta as posibilidades de sufrir enfermidades respiratorias como a Covid19”.

Lete Lasa incidiu no compromiso coa Federación Galega de Espeleoloxía e apuntou que, no presente exercicio e a pesar do escenario de crise sanitaria provocada pola pandemia, a Secretaría Xeral para o Deporte “redobra os seus esforzos coa federación e duplica o orzamento concedido ao abeiro do convenio para o desenvolvemento da súa actividade, ata superar os 26.000 euros”. O 46,7% deste orzamento, máis de 12.000 euros, vai destinado á realización do Atlas de Covas e Canóns de Galicia, presentado hoxe.

492 covas e 21 canóns

O Atlas de Covas e Canóns de Galicia conta na actualidade con máis de medio milleiro de recursos: 492 covas e 21 canóns que representan 40 quilómetros topografiados e 1.102 metros de profundidade. Reúne as catro paisaxes subterráneas galegas (carst, pseudocarst, paracarst, covas de consecuencia), as construcións subterráneas máis singulares e os canóns equipados para a práctica deportiva. Trátase dun catálogo exhaustivo de covas, barrancos e canóns, que ofrece todos os datos posibles sobre cada un deles, tanto para facer máis doada e segura a visita como para permitir a análise da información unha vez estea dixitalizada. A Federación utiliza información básica e cartografía recollida na plataforma de Información Xeográfica de Galicia da Xunta.
Xunta de Galicia