Skip to main content

XuvenCiencia desenvolverá obradoiros de divulgación científica en colexios dos Camiños de Santiago

O proxecto Ciencia no Camiño botou a andar este xoves cunha sesión telemática de presentación ás autoridades locais e da Xunta de Galicia moderada pola profesora e investigadora da USC Mercedes Novo. Neste acto tamén participaron o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, ademais da presidenta da Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afripodel), Dolores Pena, e representantes da Fundación Uxío Novoneyra, que tamén participa neste proxecto liderado por Afripodel, no que tamén está implicado o Grupo de Estudos Territoriais da UDC. O director de Administración do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, tamén apoiou o lanzamento deste proxecto.

A xornada de apertura de Ciencia no Camiño, un proxecto orientado cara a poboación escolar preuniversitaria, pero que tamén pon o foco nas oportunidades que ofrecen a tecnoloxía, a cultura e o coñecemento científico para o desenvolvemento dos municipios e comarcas galegas no que atinxe a propostas ligadas á promoción do territorio sustentable, tales como pode ser o turismo científico, deparou tamén un foro de debate.

A profesora do CPI Uxío Novoneyra do Courel Lourdes G. Sotelo, como docente representativa dun centro escolar público que integra con outras escolas da Montaña luguesa unha rede de educación científica; Manuel Vicente, químico de formación e responsable do espazo de divulgación científica Efervesciencia, da Radio Galega e a USC, e o enxeñeiro Martín López Nores, un tecnólogo con vocacion humanista implicado en iniciativas científico-culturais e científico-turísticas, completaron a quenda de relatores que deron vida á primeira das accións proxectadas en Ciencia no Camiño.

O grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia levará o peso das seguintes accións previstas no marco desta acción beneficiaria do programa O Teu Xacobeo, tal e como é a celebración de diversos obradoiros científicos para alumnado de primaria e secundaria baseados nos kits de experimentación científica desenvolvidos por XuvenCiencia. Estas actividades de divulgación e experimentación desenvolveranse en colexios e institutos de diversas localidades dos Camiños de Santiago, como Lugo, Folgoso do Courel, Guntín, A Fonsagrada e Ribadavia.

Outros emprazamentos, como Carnota, Vimianzo, Fisterra ou A Coruña, centrarán unha seguinte fase dentro do proxecto que consistirá en charlas e intercambios de ideas con personalidades da investigación e a innovación científicas en distintos ámbitos. Estas sesións están máis orientadas ao público en xeral e adulto e pretenden fomentar o emprendemento nos ámbitos da tecnoloxía e o turismo científico.

A Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local pretende que todo este traballo quede documentado e recollido, a fin de que teña un impacto na sociedade, poida ser aproveitado e sirva de inspiración no labor diario dos técnicos e técnicas de desenvolvemento local que traballan nas administracións municipais, provinciais e autonómica e Galicia. Ademais, ‘Ciencia no Camiño’ prevé a edición dun decálogo ou guía de boas prácticas e a súa difusión.
Universidade de Santiago de Compostela