Skip to main content

Aberta a convocatoria do III Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións

Este galardón consta dun único premio en metálico de 1.000 euros para libros publicados con ISBN e teses de doutoramento inéditas, que irá acompañado dun diploma acreditativo.

Os traballos poderán presentarse en calquera idioma, pero de vir noutro diferente ás linguas oficiais da USC, deberán estar acompañados dun resumo de 5.000 palabras en castelán ou inglés. No caso de que o xurado considere que ningún dos traballos presentados acada un nivel axeitado, poderase declarar o premio deserto. O importe do premio repartirase en partes iguais no caso de resultar gañadoras varias persoas. Nesta ligazón pode accederse ao texto completo da convocatoria.

O xurado valorará a orixinalidade do traballo cun 25% da puntuación, as novidades das súas aportacións ao coñecemento dos temas estudados contará un 25%, a actualidade e calidade da súa metodoloxía valerá un 25%; a bibliografía citada, un 10%; e os trazos formais dos textos como a calidade da redacción ou o xeito de presentar e estruturar a información valerán un 15%. O prazo de presentación pecharase sesenta días naturais despois da publicación da convocatoria no taboleiro electrónico da USC.

Premio a TFG e TFM

Asemade, acaba de abrirse o prazo para concorrer ao III Premio a Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Máster (TFM) sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións. Poderá presentarse a estes premios o estudantado nacional ou estranxeiro que teña defendido durante o curso académico 2019-2020, un TFG ou un TFM que tivera como tema de estudo o Camiño de Santiago e as Peregrinacións. Outorgarase un único premio en metálico de 500 € para o traballo premiado, acompañado do correspondente diploma acreditativo.
Universidade de Santiago de Compostela