Skip to main content

A Torre de Hércules será unha gran pantalla para o espectáculo audiovisual exclusivo 'Luz e Son de Hércules' o 29 de xuño

Só poderá admirarse o sábado, 29 de xuño e coa Torre de Hércules como escenario privilexiado. Baixo o nome Luz e Son de Hércules as paredes do monumento servirán de gran pantalla de 36 metros de alto para o espectáculo audiovisual exclusivo que se celebrará como remate do programa do X Aniversario do monumento como Patrimonio da Humanidade, nunha iniciativa organizada polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña.

A proxección, que comezará ás 23.00 horas, constitúe o punto central dun amplo programa de actividades, será levada a cabo pola empresa Acciona Producciones y Deseño (APD), que ofrecerá nun espectáculo tridimensional o diálogo entre a Torre de Hércules e un vello mariñeiro que actúa como narrador, e traza un fío argumental cronolóxico que pon en valor a historia e a mitoloxía que rodea ao monumento.

Neste sentido, o director da Torre de Hércules, Alejandro de Arce, sinalou que a Torre de Hércules “foi, é, e será luz, que nos mostrará a súa identidade a través das novas tecnoloxías de proxección dixital, á altura dos eventos culturais máis importantes do mundo”. A historia recolle episodios como a batalla entre Hércules e Gerión, as grandes rutas atlánticas dos navegantes, e a Torre como testemuña e emblema da cidade e rematará no presente para poñer o foco nunha cidade cosmopolita e moderna que se proxecta cara ao futuro. “É un espectáculo que xamais se repetirá e ao que todos, cidadáns e visitantes da Coruña están convidados”, sinalou de Arce.

O espectáculo empregará a técnica do mapping, que consiste en proxectar imaxes sobre superficies reais. Así, a Torre de Hércules converterase nunha xigantesca pantalla de proxección de 36 metros de alto e 24 metros de ancho, ao proxectarse sobre dúas caras da Torre, cada unha de 12 metros de ancho. Os recursos visuais adaptaranse á arquitectura do monumento, potenciando ao longo das secuencias a súa peculiar morfoloxía mediante 9 proxectores de 22.000 lúmenes cada un. Ademais, contará cuns 24.000 vatios de potencia de son distribuídos en 2 puntos de audio e cunha banda sonora composta especificamente para o espectáculo, adaptada ao ritmo narrativo e á locución.

A empresa responsable apunta que o evento será neutro en carbono, cunhas emisións de CO2 calculadas e vinculadas ao mesmo, que serán compensadas nun proxecto de enerxía limpa, conseguindo con iso que o balance final de emisións sexa igual a cero.

Broche do programa do X Aniversario

O espectáculo Luz e Son de Hércules enlazarase co concerto exclusivo Achégate a min, de Mercedes Peón, que comezará ás 21.30 horas. Deseñado pola artista en exclusiva para esta contorna e esta data, o concerto está pensado como unha expansión artística electrónica e conceptual nese espazo a través da Torre.

Peón sinalou que esta proposta é unha “chamada sonora, vocal e electrónica de vangarda desde o catro puntos cardinales da rosa dos ventos”. No concerto, que tamén será de entrada libre, participarán Mónica de Nut e Ana García, as voces líricas de Laura González, Laura Garrido e Yolanda Alleges, e coa proposta escénica de Laura Iturralde.

Durante toda a xornada do sábado na contorna da Torre sucederanse distintas actividades para todos os públicos como exposicións, visitas guiadas e talleres infantís gratuítos pero con inscrición en talleresinfantilescoruna@gmail.com así como campamentos romanos e teatro.


Turismo da Coruña