Skip to main content

Rutas teatralizadas, navegación nocturna e talleres de fotografía porán en valor as Illas Atlánticas como destino Starlight

Rutas teatralizadas vinculadas aos sons da noite, navegación nocturna seguindo as técnicas dos antigos navegantes ou obradoiros de fotografía serán algunha das actividades que impulsará este ano o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas logo de ter recibido o certificado como destino Starlight, que acredita a calidade do seu ceo nocturno.

Así o detallou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que presentou en Vigo a programación de actividades das Illas Atlánticas para este ano.

O obxectivo é continuar afondando na promoción e divulgación do Parque, na posta en marcha de novos servizos e en facer que todo isto sexa compatible coa sostibilidade, un compromiso que figura na Carta Europea de Turismo Sostible (CETS), unha acreditación que as Illas Atlánticas recibiron o pasado mes de decembro en Bruxelas.

No que se refire á afluencia, a conselleira destacou que o reto marcado para 2016 é superar a barreira dos 400.000 visitantes, xa que en 2015 a cifra ascendeu a 399.890 persoas.

Para conseguilo, unha das principais novidades para este exercicio serán as actividades vinculadas á promoción do Destino Turístico Starlight, un novo produto, presentado en Fitur, que pretende aproveitar as “excelentes posibilidades” que ofrecen as Illas Atlánticas para observar un ceo nocturno “da máxima calidade e libre de contaminación luminosa”. O Parque Nacional recibiu este certificado o mes pasado e converteuse así nun dos catorce enclaves de todo o mundo que contan con esta distinción (unha lista na que tamén figura o Alto de Pena Trevinca, do concello ourensán da Veiga).

As visitas guiadas en familia en horario nocturno serán unha das principais actividades, e poderán incluír ou non pernoitas nas illas ou ben no barco fondeado. Os participantes –ao redor de 20 persoas- percorrerán o Parque acompañados por un guía que lles ofrecerá unha explicación sobre astronomía en xeral e outros fenómenos.

A fotografía tamén terá un oco na programación. Nos arquipélagos de Cíes e Ons realizaranse percorridos nocturnos nos que os participantes tomarán fotografías relacionadas coa noite e os seus valores, que serán expostas despois na sede do Parque Nacional. E en Sálvora e Cortegada levaranse a cabo prácticas fotográficas co asesoramento de expertos.

No mes de agosto, organizaranse dúas actividades de observación astronómica, nas que colaborarán equipos de astrónomos afeccionados, así como as Universidades de Santiago e Vigo. A primeira delas coincidirá coa chuvia de meteoros das Perseidas, e a outra terá como obxectivo observar a conxunción planetaria de Venus e Xúpiter.

En relación ao destino Starlight, organizaranse tamén rutas combinadas cunha pequena representación teatral, que axudará aos participantes a descubrir a personaxes históricos vinculados ao Parque, os sons da noite, e os animais da vida nocturna.

Haberá tamén rutas en barco por augas do Parque, nas que os visitantes aprenderán as técnicas dos antigos navegantes e pescadores, que usaban as estrelas como axuda.

A programación non esquece aos máis pequenos, que disporán de contacontos que lles explicarán os valores naturais do ceos e da noite. Estes eventos organizaranse no centro de visitantes de Vigo, e nos concellos de Vilagarcía, Ribeira e Bueu.

Mato precisou que todas estas actividades complementarase coa instalación de puntos de interpretación astronómica a través de sinais e carteis informativos; con cursos de formación gratuítos como guías astronómicos para profesionais do sector; coa elaboración de material divulgativo sobre astronomía; e con charlas de expertos.

Emprendemento e crecemento económico

Todas estas actividades –ao igual que as da programación habitual do parque- realizaranse con empresas colaboradoras que forman parte do foro da Carta Europea de Turismo Sustentable. De forma que “a posta en valor das Illas Atlánticas vai vir acompañada dunha oportunidade de negocio, de emprendemento e de crecemento económico”, subliñou Mato.

En todo caso, a conselleira recordou que a programación habitual do Parque en horario diúrno seguirá incluíndo rutas guiadas; actividades de snórquel, kaiak ou padel surf; talleres divulgativos; actividades didácticas e para colectivos especiais; accións de voluntariado; ciclos de cine sobre natureza; formación; concursos; encontros; ou a celebración de meses temáticos sobre o medio ambiente.

Algunhas destas actividades darán comezo xa no próximo mes de marzo: como os cursos de formación para guías, tanto para as actividades Starlight como para as actividades regulares. E durante a Semana Santa levaranse a cabo rutas para familias en Cíes e Ons, así como proxeccións de cine Verde e cine infantil.

Ao mesmo tempo, no marco do compromiso recollido na Carta Europea de Turismo Sustentable, estanse a realizar melloras nas infraestruturas dos arquipélagos, como a restauración da aldea de Sálvora, ou a mellora integral dos campamentos de xuventude e traballo de Ons e Cíes.

Para rematar, Mato salientou que esta programación “é unha mostra da aposta da Consellería pola posta en valor do Parque Nacional, así como dos outros seis parques naturais que hai en Galicia”. Desde 2009, a Xunta investiu 19 millóns nestes espazos, dos que 9,8 millóns foron para as Illas Atlánticas. Ademais, o Goberno autonómico traballa actualmente en desenvolver a Rede de Parques Naturais de Galicia, unha marca que contribuirá a crear sinerxías para a promoción destes espazos e para o desenvolvemento económico das áreas limítrofes.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia