Skip to main content

Entregadas as 140 bandeiras azuis de 2024, que distinguen a praias, portos deportivos e centros azuis

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que as 140 bandeiras azuis que este ano reciben 114 praias, 11 portos deportivos e 15 centros azuis consolidan Galicia como exemplo do coidado ambiental dos recursos naturais do litoral.

Durante o acto de entrega destes distintivos de carácter internacional que concede a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), a conselleira puxo en valor que Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

A maiores, explicou que, tendo en conta as 49 bandeiras entregadas a sendeiros azuis o pasado mes de marzo, Galicia atesoura un total 189 insignias azuis, balance co que mellora a súa posición a nivel nacional ao superar por primeira vez a Andalucía (con 188) e situarse como a segunda comunidade española con máis distintivos azuis en todas as categorías.

Nesa liña, Ángeles Vázquez incidiu en que estes recoñecementos poñen en valor a costa, o patrimonio natural e a imaxe turística da Comunidade como destino sustentable e de calidade.

Cómpre lembrar que a concesión dunha bandeira azul a unha praia ou a un porto deportivo responde a criterios de calidade das augas -que debe ser excelente-, seguridade e accesibilidade, dotación de servizos e xestión ambiental e sustentabilidade.

E, no caso dos centros azuis, que, como subliñou a conselleira, este ano lucirán por primeira vez este distintivo como tal, deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio. Cómpre lembrar que esta categoría engloba ás aulas de natureza, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á formación ambiental.

Para concluír, Ángeles Vázquez incidiu en que estes galardóns son de especial transcendencia para “mellorar a calidade das augas, o estado das nosas praias e os servizos que ofrecemos nelas así como para incentivar o turismo sostible e responsable na nosa Comunidade”. Nese senso, subliñou que precisamente os nosos recursos naturais e paisaxísticos son algunhas das principais motivacións para visitar Galicia.

Bandeiras por provincias e concellos

Máis polo miúdo, por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 60 que recaen noutras tantas praias e outras 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 38 areais e 4 portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e 1 porto deportivo.

Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou en 2023. O concello pontevedrés suma tamén 3 distincións para outros tantos portos e terá de novo 1 centro azul. Ademais, cómpre subliñar o caso de Vigo, que con 12 praias con bandeira é a cidade galega que recibe máis galardóns.

Así mesmo, no caso da provincia da Coruña, Arteixo volve ser o que concentra un maior número de bandeiras, con 7 areais seleccionados; seguido da Coruña —5 areais e 1 porto—, Oleiros —5 praias e 2 centros azuis— e Ferrol —con 5 areais tamén—.

Por último, Foz é o concello lucense con máis praias galardoadas, un total de 5; seguido de Burela, con 2 praias e 2 centros azuis; Barreiros e O Vicedo, que suman 2 areais cada un deles, e Ribadeo, tamén con 2 praias e que un ano máis conta cun porto galardoado.
R.