Skip to main content

Galicia rexistrou un 2022 extremadamente cálido e seco pese ás precipitacións dos últimos dous meses do ano

Galicia rexistrou un 2022 extremadamente cálido e seco pese ás precipitacións dos últimos dous meses do ano, segundo o avance do balance climatolóxico anual elaborado por MeteoGalicia.

Durante a presentación do informe, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, dixo que a temperatura media foi de 14,9 graos, un valor considerado como extremadamente cálido e rexistrándose, ademais, unha anomalía positiva de 1,4 graos con respecto aos valores esperados. “Temos que remontarnos ao ano 1961 para falar de temperaturas tan altas como as que tivemos en 2022”, incidiu a conselleira.
 
Deste xeito, houbo meses extremadamente cálidos como maio e xullo. Neste último mes produciuse unha vaga de calor histórica superando os termómetros os 40º en moitos puntos da Comunidade. E, ademais, o día 14 de xullo vivimos un evento chamado Sistema Convectivo de Mesoescala, que xerou unha área tormentosa do tamaño de Galicia que deixou máis de 6.000 raios en 4 horas.
 
No que atinxe ás precipitacións, o volume de chuvias foi menor do agardado polo que 2022 debe considerarse, en xeral, un ano seco. A precipitación media na Comunidade foi de 1.201 litros por metro cadrado, o que supón, segundo subliñou Ángeles Vázquez, “un 7% menos do que cabería esperar”.
 
Con todo, cómpre salientar que 2022 presentou notables contrastes entre uns meses e outros, combinando períodos moi húmidos con outros moi secos. A conselleira explicou que entre estes últimos están xaneiro, febreiro -só rexistrou unha xornada chuviosa na que se acumulou a metade das precipitacións rexistradas ao longo de todo o mes-, xullo ou agosto.
 
Por outra banda, foron húmidos marzo, xuño - choveu un 78% máis do normal para este mes-, e sobre todo, o último trimestre do ano, destacando, de xeito especial, novembro e decembro. No primeiro caso, chegaron a acumularse 255 l/m2 -un 50% por riba do normal para ese mes- mentres que en decembro se recolleron 293 l/m2 -un 59% máis do habitual-.
 
Para concluír a conselleira subliñou que, a pesar de que 2022 foi un exercicio seco en xeral, rexistrouse un final de ano moi húmido, que axudou a solucionar a situación de seca que afectou a Galicia.