Skip to main content

Galicia é a comunidade española con máis sendeiros azuis, cun total de 29 que se estenden ao longo de máis de 220 Km

A relación de galardoados deuse a coñecer esta mañá en Madrid no marco do acto de entrega oficial das bandeiras azuis que, por primeira vez, lucirán os 73 municipios onde se localizan os 86 sendeiros seleccionados por Adeac en España. Este é o primeiro ano que se convoca unha cerimonia propia e separada para anunciar os sendeiros azuis.

Ao evento acudiu en representación da Xunta a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen subliñou que case a metade dos 474 quilómetros que ocupan os novos itinerarios azuis declarados no conxunto do país, están en Galicia.

Neste sentido, considerou que este novo recoñecemento, sumado ás 112 bandeiras outorgadas tamén ás súas praias, ás 11 que recibiron outros tantos portos deportivos e aos 14 centros azuis, consolidan a súa posición entre as comunidades españolas e do mundo que ano tras ano concentran un maior número de distintivos azuis. De feito, Galicia recibiu este ano un total de 166 galardóns entre areais, instalacións portuarias, centros e sendeiros, o que supón 11 máis que o ano pasado.

Novidades no balance de 2022

Entre as principais novidades das rutas distinguidas este ano en Galicia cómpre subliñar que os concellos de Poio e Ribeira entran por primeira vez na listaxe grazas ao recoñecemento do sendeiro litoral de Poio e ao sendeiro litoral de Coroso-Río Azor.

Así mesmo, Sanxenxo repite como o municipio español con máis sendas recoñecidas no seu termo municipal, un total de 7, das cales 1 é nova —a ruta dos carballos de Aldariz— e as outras 6 xa recibiran este recoñecemento en 2021 pero aglutinadas como unha rede de sendeiros.

Tamén destaca o caso de Vigo, que gozará de 3 sendeiros azuis este ano e que se converte deste xeito no segundo municipio español, xunto ao de Cartaxena, con máis sendas galardoadas.

En canto ao reparto por provincias, Pontevedra, con 19 itinerarios localizados nun total de 9 municipios, lidera o ‘ranking’ provincial a nivel autonómico e tamén nacional; seguida da Coruña, con 6 sendeiros noutros tantos concellos; e de Lugo, que suma 4 itinerarios azuis no mesmo número de municipios.
R.