As Comunidades Autónomas polas que pasa o Camiño exploran sinerxías para a promoción conxunta das Rutas Xacobeas e dos seus atractivos
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/20210720-xunta.jpg)
Alfonso Rueda animou aos conselleiros e representantes das demais comunidades autónomas do Camiño a programar eventos culturais e de promoción conxunta do Xacobeo, como algunhas que xa se puxeron en marcha con grande repercusión en toda España, como #EncendeOXacobeo ou #CamiñoDeEstrelas.
Cobertura en caso de contaxio
O vicepresidente primeiro falou da conveniencia de deseñar tamén protocolos de xestión conxunta en caso de pandemia e puxo o seguro coronavirus como exemplo de medida eficaz para xerar confianza entre os peregrinos, xa que se activa de xeito automático sempre e cando se dea algún positivo no Camiño -como ocorreu nos últimas días-, unha circunstancia que se encadra dentro da normalidade tendo en conta o incremento de casos que se está a dar en toda España. Ademais, a rede pública de albergues conta cun estrito protocolo de actuación en coordinación coas autoridades sanitarias para a atención dos peregrinos que resulten contaxiados.
O seguro coronavirus axuda a facerse cargo da estancia, manutención e gastos de medicamentos de calquera persoa que poida resultar contaxiada na súa viaxe a Galicia. O beneficiario non ten máis que demostrar que está aloxado nalgún establecemento hoteleiro ou nalgún albergue da comunidade.
Nos últimos días detectáronse oito positivos no Camiño Francés -sete en Palas de Rei e outro en Samos- que están sendo controlados por persoal médico. Trátase de casos normais dado o número cada vez máis elevado de peregrinos que chegan a Galicia, que esta semana acadará os 40.000 camiñantes no que vai de ano.
R.