Skip to main content

A Rede Galega de Teatros e Auditorios superará as 500 funcións programadas en 2021

Moitas delas chegan a esta carteleira a raíz da súa asistencia á última edición do mercado Galicia Escena PRO, organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega e na que estiveron acreditados, así mesmo, os responsables dos principais de teatros, auditorios, salas e festivais escénicos galegos.

Novos espectáculos en cartel

A Rede Galega de Teatros e Auditorios volverá ofrecer os novos espectáculos de destacadas compañías galegas, que iniciarán en outono o seu percorrido polos escenarios. É o caso de Cigarreiras de Contraproducións, A parábola do angazo de Talía Teatro, The Witch, un espectáculo ritual de Cía. Diana Sieira, A lúa vai encuberta de A Quinta do Cuadrante ou Nevermore de Chévere, entre outros.

A programación arranca esta mesma semana en Foz, Betanzos e O Carballiño. Os primeiros espectáculos programados serán The Show Moscón de Galitoon e Tódalas marabillas del mundo de Producións Dispersas o xoves 15 e o venres 16, respectivamente, no Patio do Colexio Nº 1 de Foz. O sábado 17 a praza da Constitución de Betanzos será o escenario dos concertos de Valentín Caamaño Quartet o sábado 17 e de Dixie-Kings o domingo 18, mentres que Odaiko actuará na praza da Veracruz do Carballiño tamén o domingo.

Durante o verán a Rede Galega de Teatros e Auditorios celebrará a meirande parte das súas citas ao aire libre, cunha trintena de funcións programadas ata mediados de setembro. Ademais das actuacións deste circuíto, pioneiro en Galicia no ámbito da exhibición de espectáculos de xeito profesional e coordinado, durante o período estival a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura e da programación especial do Xacobeo 21-22.
R.