Skip to main content

Feijóo sinala en Fitur que Galicia 'xa está preparada' para ser protagonista no Xacobeo 21-22 dun destino seguro e de calidade

Nesta liña, incidiu no turismo como sector clave para a reactivación económica, sendo a segunda industria que máis emprego achega. “Estamos a falar dun sector que trae sempre boas novas”, dixo, referíndose aos máis de cinco millóns de persoas que recibiu a Comunidade en 2019 e ás máis de 11 millóns de pernoitas.

Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que co Ano Santo, Galicia abre a porta ao viaxeiro e convértese no “mellor lugar do mundo”. E reiterou o compromiso da Xunta para, ante as cuestións de futuro que se están formulando, ter dúas respostas: “Turismo seguro? Galicia e Xacobeo; Turismo de calidade? Galicia e Xacobeo; Turismo sostible? Galicia e Xacobeo; Turismo de natureza, cultural, gastronómico e de experiencias únicas? Galicia e Xacobeo”, salientou.

Sobre este punto, subliñou que toda a Comunidade está repleta de escenarios únicos que se atopan nos seus 1.600 quilómetros de costa; nas súas rías; nas 863 praias; nos seus seis parques naturais, nas súas seis reservas da biosfera e nas 400.000 hectáreas protexidas pola súa singularidade e beleza; nas súas augas termais; e nun patrimonio “que queremos seguir proxectando ao mundo”, dixo, referíndose ao paraíso natural de Cíes-Illas Atlánticas, á Ribeira Sacra ou ao Ferrol da Ilustración.

O presidente da Xunta concluíu afirmando que Galicia seguirá acollendo ao turista e ofrecendo a mellor atención, nos 328 establecementos recoñecidos coa Q de calidade; as mellores experiencias, coas súas festas de interese turístico internacional e nacional; e a mellor gastronomía.
R.