Skip to main content

'O verán que mereces' abre a inscrición de campos de voluntariado e campamentos de verán

O Goberno galego manterá as bases do protocolo específico fixado o ano pasado para os campamentos de verán. Deste xeito, continuarase a implantar medidas como a redución do aforo, a incorporación gradual das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor ou o incremento das medidas hixiénico-sanitarias.

Campamentos de verán

O prazo de solicitude será de sete días hábiles no caso dos campamentos a partir de mañá xoves. As familias numerosas e monoparentais terán un desconto do 50%, e as persoas usuarias do Carné Xove gozarán dunha rebaixa do 25%. As solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía telemática a través da Sede Electrónica. Na páxina de Xuventude hai dispoñible máis información ao respecto.

Campos de voluntariado

Para os campos de voluntariado celebrados en Galicia, o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada campo. Para os campos de voluntariado noutras comunidades autónomas habilítanse dúas convocatorias, a primeira delas remata o día 21 de maio ás 14.00 horas. A segunda convocatoria abrirase o 1 de xuño e permanecerá aberta ata cinco días antes do inicio do campo.

A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante debe escoller, por orde de prioridade, un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.

Novidades

Este ano á campaña de verán incorpóranse catro novas instalacións de campamentos: Bande, Parada de Sil, Cabana de Bergantiños e Silleda; recupérase o programa de intercambio bilaterais que se suspendera o ano pasado por mor da pandemia; e sumaranse 13 novos campos de voluntariado, ata chegar a un total de 40.
R.