Skip to main content

Segundo o Foro Económico de Galicia, o impacto da crise na economía galega foi significativamente menos intenso que no conxunto do estado

O informe foi presentado este xoves no Centro Social Abanca de Santiago de Compostela polos seus autores, os profesores Patricio Sánchez, Francisco Javier Armesto e Santiago Lago (da Universidade de Vigo) e Fernando González Laxe (da Universidade da Coruña). No documento, os expertos sinalan que “a magnitude da caída do PIB provocada pola expansión da covid-19 experimentada no conxunto do ano 2020 revela a dimensión do choque que estamos a vivir”. Ao longo do ano, comentan, a evolución da pandemia e as medidas aprobadas para conter a súa expansión determinaron que en Galicia, ao igual que nas diferentes economías europeas, a contracción da actividade económica máis acusada se rexistrase no segundo trimestre. A pesar da mellora no terceiro trimestre, detallan os economistas no seu informe, “os novos brotes e restricións e a paralización dalgunhas actividades no derradeiro trimestre do ano, agravaron a contracción da economía galega, deteriorándose as expectativas sobre a volta á situación pre-crise”.

Caída interanual do PIB do 8,9%

Segundo indican en nota de prensa desde a entidade xestionada polo grupo Gen, “as novas restricións e paralizacións dalgunhas actividades ao final do ano racharon coa forte recuperación no terceiro trimestre e deterioraron as expectativas sobre a recuperación”. Así, detallan, a economía galega presentou unha caída interanual do PIB do 8,9%, algo máis do previsto no escenario máis positivo debullado polo Foro Económico no mes de maio de 2020 (-8,5%), pero máis de dous puntos inferior que a media estatal (11%). Porén, as principais economías europeas presentan mellores datos no seu PIB, apuntando como na UE a contracción é dun 6,3%.

En canto á demanda, no documento saliéntase a achega negativa do gasto interno, cunha caída de 8,3 puntos. “Este descenso é a consecuencia da mingua nun 13,2% do investimento, un descenso mesmo superior ao gasto das familias, que se reduce un 11,3%. Pola contra o gasto das administracións públicas amosa unha suba interanual do 4,5%”, sinalan desde o Foro Económico. No que atinxe á oferta, os grandes sectores produtivos presentan en Galicia un mellor comportamento que no conxunto de España, agás o primario (-3,3%) fronte ao incremento do 4,8 en España. Tanto en Galicia coma en España as actividades que presentan a maior contracción son comercio, transporte e hostalería e as actividades artísticas. En Galicia a caída é do 18% e do 24,2% en España. “Tamén é algo mellor -ou menos malo- o comportamento da industria manufactureira: en Galicia contráese un 9,6% mentres que no conxunto do Estado un 10,7%”, sinalan os economistas.

O impacto no emprego

No que atinxe ao emprego, os expertos do Foro Económico de Galicia consideran que o mellor indicador da evolución é o número de horas traballadas, que amosan un axuste do emprego superior á caída do PIB (-10,7%). “Os ERTES constitúen a principal protección para os traballadores por conta allea. A 31 decembro 33.772 persoas estaban acollidas a un ERTE (un 3,4% das afiliacións galegas) pero con picos en abril dun 17% e en maio dun 14%. O número de empresas con ERTE ascende a 10.933, o que representa o 6,2% do total estatal”, sinalan.

A taxa de paro en Galicia aumenta segundo o informe presentado este xoves ata o 12%, dúas décimas máis que no ano anterior, mentres no conxunto de España sube ata o 15,5%. Este axuste no emprego prodúcese de xeito xeneralizado, agás no sector agrario e forestal que presenta unha medra con respecto ao ano anterior dun 3,8%. Os sectores máis golpeados son a hostalería, cunha caída interanual do 31,3%, por diante da industria téxtil, coiro e calzado e madeira que sufriron unha caída do 15,4% e 14,2% respecto ao número medio de horas traballadas no ano anterior. Os expertos do Foro constatan que “novamente o axuste do emprego prodúcese en maior medida entre as persoas máis vulnerables: os máis novos, asalariados con contratos temporais, traballadores con xornadas a tempo parcial e persoas con menor nivel educativo. Asemade, a poboación ocupada redúcese en maior medida no caso das mulleres”. No extremo contrario subliñan o incremento de asalariados con contrato indefinido e os empregados do sector público.

Redes de transporte marítimo

O informe presentado dedica tamén unha análise ao índice de accesibilidade en relación ás redes de transporte marítimo no caso de Galicia e Portugal, considerando os expertos do Foro Económico que “a medición das conexións marítimas dun territorio é unha ferramenta para coñecer os niveis de facilitación comercial”. Nos portos galegos, indícase no documento, “sobresae o alto nivel de especialización do porto de Vigo, en tanto que os demais rexistran movementos moito máis reducidos”. En Portugal destacan os portos de Sines e Leixões, que “polarizan os tráficos de contedores e as escalas das embarcacións que configuran as cadeas globais de subministración”.
R.