Skip to main content

Galicia promove a autencididade do seus entroidos no tradicional desfile de verán en Santiago de Compostela

Esta iniciativa promocional, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, contou coa asistencia da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que acudiu ao inicio da quinta edición deste Desfile dos Entroidos na praza do Obradoiro. Desde alí partiron os representantes de ata 14 entroidos diferentes das catro provincias, cos seus personaxes, ante centenares de galegos e visitantes.

Na edición deste ano participaron entroidos recoñecidos como festa de Interese Turístico como o de Xinzo de Limia, cos pantallas, que se estreaban neste desfile sendo o primeiro ano que participan en Santiago tras o recoñecemento de Interese Turístico Internacional. Tamén participaron representantes de Verín, cos cigarróns, que conta coa declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia. Trátase de Viana do Bolo, cos boteiros e folións; Cobres, coas madamas e galáns; os Xenerais da Ulla (que abarca nove concellos da contorna da capital galega: A Estrada, Boqueixón, Padrón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces); e Vilariño de Conso, cos boteiros.

Tamén acudiron oito carnavais convidados especiais nesta ocasión: o Entroido Ribeirao de Chantada, cos volantes; as Bonitas de Sande (Cartelle), os Vellaróns de Riós, os Vergalleiros de Sarreaus, os Galos da Mezquita (A Merca) e o Entroido de San Mamede (Paderne), así como o Entroido de Lobios e o de Entrimo.

Turismo desestacionalizado

A Xunta vén organizando nos últimos anos esta promoción, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor unha das riquezas do patrimonio etnográfico da Comunidade e amosar aos milleiros de turistas a variedade desta xenuína tradición, animándoos a coñecela no inverno. Impúlsase así aqueles valores que mellor identifican a Galicia, entre os que se atopan os entroidos pola súa autenticidade e trabállase para recibir viaxeiros durante todo o ano, facendo que a temporada media e baixa sexa cada vez máis importante.
R.