Skip to main content

'Atardecer no Gaiás' despídese esta semana coa cumbia de Marinah, as retranqueiras versións de De Vacas e o soul de Best Boy

Agora actúa en solitario e baixo o nome artístico de Marinah para traer ao Escenario Alhambra cancións rumbeiras que se desenvolven comodamente entre o flamenco, a rumba, o reggae e o flamenco; e tamén entre os estilos afros e de música latina.

Toda unha cocteleira de estilos coas que esta solvente cantante convidará ao baile, a través de letras feministas e cheas de sororidade, nas que reivindica “sen pausa, pero bailando” derrubar clixés e prexuízos de xénero, de razas e tamén de mestura de sons e ritmos nos que non falta nin a cumbia, nin o hip hop, nin o trap.

Grupos galegos para o peche

A semana de peche do ciclo terá continuidade o venres coas De Vacas. Este cuarteto galego —composto polas vocalistas Paula Romero, Inés Salvado, Faia Díaz e o guitarrista Guillerme Fernández— despregarán na praza exterior da Cidade da Cultura o seu abano amplo de brillantes versións melódicas, e en galego, de hits internacionais e de todos os estilos.

Coñecidas polas súas versións retranqueiras de Beyonce, Marta Sánchez ou Luis Fonsi, de xeito recente fixeron viral nas redes sociais a versión na que puxeron en conexión o Malamente da cantante catalá Rosalía cun poema da escritora galega máis universal, Rosalía de Castro, co tema Rexurdimente. Todos estes temas poderán escoitarse no penúltimo Atardecer no Gaiás deste ano, no que vai ser difícil non sumarse en coro aos retrousos de cancións tan populares e coñecidas.

O soul, o jazz e o bluegrass de Best Boy será o alfinete de acougo preciso para o ciclo, no que predominaron os ritmos de baile. A banda de Tui transmite coas súas composicións calma e repouso para acompañar o agocho do sol do sábado desde a Cidade da Cultura. Unha boa onda a que transmiten os seus temas que suporá un peche axeitado aos 20 concertos deste Atardecer no Gaiás, que compuxeron desde o 4 de xullo e ata este 17 de agosto, unha banda sonora ecléctica para os solpores deste verán.
R.