Skip to main content

'O teu Xacobeo' acollerá 352 proxectos presentados por entidades locais, PEMES, particulares e entidades sen ánimo de lucro

Fixo fincapé o Conselleiro de Cultura e Turismo na gran acollida que rexistrou esta iniciativa que pretende fomentar a participación de todos os axentes da sociedade e implicalos no deseño do próximo Xacobeo 21, destacando que se recibiron un total de 652 propostas nas tres liñas de axuda abertas, levando esta excepcional resposta a ampliar o investimento inicial destinado a este proxecto, cifrado en 2.000.000€, ata un total de 4.700.000 €. Destacou o conselleiro que se trata da “convocatoria de concorrencia competitiva aberta á sociedade máis importante da historia de Galicia”, confiando en que esta iniciativa “sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e cada un dos galegos”.

Na primeira liña de axudas, destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos, mancomunidades, consorcios ou deputacións), vanse impulsar 80 proxectos cun investimento de preto dun millón de euros. Na súa meirande parte trátase de iniciativas que permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.

Na segunda destas liñas, poñeranse en marcha 89 iniciativas propostas por PEMES e particulares, cun investimento de preto de millón e medio de euros, en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das liñas permitirá que boten a andar 183 propostas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro e contará cun orzamento de 2 millóns de euros.

Cinco grandes áreas de actuación

Recalcou Román Rodríguez que O Teu Xacobeo representa o carácter “participativo, descentralizado e sustentable” do próximo Ano Santo polo que aposta a Xunta, celebrando que a posta en marcha dos diferentes proxectos permitirá “ampliar a repercusión da celebración, anticipando e levando a súa influencia máis alá do 2021, implicando a todos os concellos de Galicia. “O Xacobeo non pode ser un proxecto duns poucos, senón un proxecto participativo”, destacou.

As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: desde o ámbito artístico, pasando polo do patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade e a gastronomía, ata o ámbito deportivo e o social.

Comprende o ámbito artístico unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos…

Na área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.

No aspecto deportivo, organizaranse eventos de moi diversas disciplinas, incluíndose actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas, e tamén relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.

R.