Skip to main content

A nova estratexia de turismo rural avanza no Parlamento como un proxecto transversal que impulsará o progreso de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu a petición proipa no Parlamento de Galicia para informar dos avances na nova Estratexia de Turismo Rural na que a Consellería de Cultura e Turismo está a traballar como un proxecto transversal que impulse o progreso de Galicia. Anunciou, ademais, a inminente convocatoria ao sector para avanzar na nova clasificación por estrelas, unha das medidas máis innovadoras que inclúe esta estratexia e coa que se dará un significativo avance de cara a profesionalización e calidade do turismo rural.

“Impulsar o turismo rural é un obxectivo prioritario do Goberno galego”. Con esta declaración de intencións, a directora de Turismo de Galicia referiuse á importancia que esta estratexia terá no modelo turístico galego, que fomenta a desestacionalización e xera sinerxías co sector primario, creando emprego e asentando poboación no rural. Por iso, recordou, desde fai un lustro a Xunta vén desenvolvendo diferentes accións que inciden no aumento da oferta e na calidade, así como na profesionalización do sector.

Neste sentido, recordou que os resultados desta actividade son hoxe máis visibles que nunca. Nos últimos anos, o turismo rural está xerando cada vez máis interese entre os viaxeiros. O ano pasado, máis de 200.000 persoas escolleron esta modalidade, acadando o seu máximo histórico. Tamén, por primeira vez nesta década o volume e peso da temporada media está a superar ao rexistrado na temporada alta, facendo así grandes avances na desestacionalización.

A directora puxo de manifesto estas boas cifras recordando, ademais a marxe de mellora noutros indicadores nos que a nova Estratexia de Turismo Rural afondará. Referiuse ao intenso traballo de campo realizado para recabar información e debater sobre as necesidades do sector con máis de 20 mesas de traballo coa presenza dos xeodestinos, empresarios e asociacións de turismo rural, activo, enogastronómico, do sector primario, persoal das denominacións de orixe e consellos reguladores, máis de 40 entrevistas persoas, máis de 60 entrevistas a responsables de casas rurais e preto de 200 enquisas a aloxamentos de turismo rural.

Liñas, obxectivos e medidas

A Estratexia de Turismo Rural, da que se deu conta esta mañá en sede parlamentaria, está vertebrada arredor dun total de catro liñas, 10 obxectivos e preto dun centenar de accións. En concreto, as catro liñas estratéxicas previstas comezan pola potenciación da oferta de turismo rural e potenciación dos valores diferenciais incluíndo aquí o apoio aos axentes relacionados coa comercialización para implementar un catálogo de produtos de turismo rural, impulso ás casas no Camiño ou a reestruturación da oferta de turismo rural na liña da nova categorización de estrelas que se prevé.

Será unha clasificación de unha a cinco estrelas, coa que Galicia busca a súa equiparación ao resto de infraestruturas de aloxamento turístico, o impulso á profesionalización destes establecementos, a difusión e promoción dos seus servizos e mesmo unha maior seguridade a clientes e propietarios. Pola súa especial importancia e repercusión para o sector convocarase de xeito inminente mesas cos representantes de turismo rural de Galicia, para informar sobre esta nova clasificación e sobre o novo decreto que se redactará nese sentido que actualizará o vixente.

A segunda liña de traballo céntrase na profesionalización que pasa pola cooperación con outras empresas e a mellora da calidade e está dirixida a aportar ferramentas ao empresariado para potenciar os seus produtos e incrementar a competitividade do sector, con accións como seguir promovendo a implantación de sistemas de calidade como o SICTED ou Q de Calidade, conciencia de destino ou xornadas informativas sobre normativas en colaboración coa inspección turística.

A terceira liña baséase no coñecemento e innovación incluíndo aquí o desenvolvemento de aplicacións de análise de Big Data, para obter unha mellor comprensión dos fluxos e preparar Galicia para o turismo do futuro e mesmo un importante estudo de mercado, que nos de máis e mellores ferramentas para formular a oferta.

Por último, e como explicou a directora de Turismo, a estratexia tamén comprende a definición da promoción e comercialización mellorando a visibilización do turismo rural en feiras e eventos promocionais, campañas en países emisores, fomento do turismo de proximidade e interno ou reforzo da creación de experiencias e escapadas rurais fomentando a participación das axencias de viaxes no proceso de deseño.
R.