Skip to main content

Activada a alerta laranxa por vento, choiva e temporal costeiro que dará comezo esta noite e afectará ás provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra

Os principais problemas serán no oeste e suroeste da provincia da Coruña; no interior e nas Rías Baixas, na provincia de Pontevedra. Así mesmo, estas precipitacións virán acompañadas de fortes ventos, e a partir das 12 horas, poderá haber refachos de máis de 100 qm/h no noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo.

Suspensión actividades extraescolares

Por mor desta alerta, a Comisión Escolar de Alertas tomou a decisión de suspender mañá, a partir das 12:00 horas do venres día 9 ata as 00:00 horas do día 10, as actividades no exterior dos centros educativos das zonas de predición meteorolóxica de noroeste da Coruña e a Mariña.

En calquera caso, a Comisión decidiu que se manteña a actividade lectiva así como o transporte escolar en todos os centros educativos de Galicia. Aínda así, e como é habitual nestas circunstancias, no caso de que a situación meteorolóxica supuxese un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas a este respecto.

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia

Recomendacións no mar

Por mor do temporal costeiro, desde a Consellería do Mar aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestes entornos, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotor, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.

Todos os medios do Servizo de Gardacostas de Galicia estarán en alerta para calquera incidencia que se poida producir a causa deste fenómeno meteorolóxico adverso. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese
R.