Skip to main content

A Xunta alerta dun episodio de temperaturas máximas de nivel laranxa que dará comezo mañá na provincia de Ourense e que se estenderá ás outras provincias a partir do venres

Para protexerse da calor, Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té, e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas en abundancia e evitaranse as comidas copiosas. Respecto da vestimenta, convén usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios aconséllase permanecer, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores ou aparellos de aire acondicionado. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado. No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a anciáns.

Cando se vaia gozar da praia convén tomar o sol de forma progresiva durante os primeiros días, evitando as horas do mediodía e as primeiras da tarde. Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as que teñan un índice non inferior a quince, aplicándoas 30 minutos antes da exposición e renovar cada 2 horas. Ademais, convén protexer aos nenos con gorra e camiseta opaca.
R.