Galicia e Xapón consolidan a súa colaboración en turismo
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/japon_2015.jpg)
O encontro, desenvolvido na sede de Turismo de Galicia en Santiago de Compostela, contou tamén coa participación da vicepresidenta da Asociación Hispano Xaponesa de Turismo, Yoshitaka Hoshina, e o presidente de Three Peaks Winery, Takehiro Oikawa.
Os representantes da Asociación Xaponesa de Axencias de Viaxes viaxaron ata a comunidade galega para coñecer de primeira man os seus recursos turísticos e afondar no Camiño de Santiago, do cal afirmaron, “constitúe un referente internacional no fenómeno das peregrinacións”.
No encontro, a delegación nipona mostrou grande interese por diversos asuntos relacionados co Camiño de Santiago e co turismo enolóxico de Galicia.
Durante a reunión, a directora de Turismo de Galicia, incidiu nas numerosas similitudes que comparte a nosa comunidade con Xapón destacando, ademais da cultura de peregrinación e as dúas rutas declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO -Camiño de Santiago e Camiño Kumano-, a Ribeira Sacra e o seu parecido coa prefectura de Wakayama, a tradición milenaria que atesouran os dous territorios, as rías e o termalismo, entre outros aspectos.
Nava Castro salientou a boa relación existente entre a comunidade galega e o país nipón dende a visita do Príncipe Naruhito a Galicia no ano 2013, onde tivo a oportunidade de percorrer un tramo do Camiño de Santiago, visitar o mirador do Monte del Gozo e coñecer a catedral e o seu famoso botafumeiro.
Así mesmo, a responsable de Turismo de Galicia salientou a participación da Xunta de Galicia unha edición máis, por terceiro ano consecutivo, na Feira de Turismo de Tokio, JATA, na que deu a coñecer aos axentes profesionais e ao público o destino Galicia.
O secretario xeral da Asociación xaponesa de axencias de viaxes JATA, Nobuyuki Ikeda, trasladoulle á responsable de Turismo de Galicia o seu interese por asinar un convenio de colaboración ao obxecto de afondar no proceso de desenvolvemento e consolidación de promoción do Camiño de Santiago e traballar conxuntamente nas dúas rutas de peregrinación.
Máis de 13 mil turistas xaponeses viaxaron a Galicia no 2014
Todas as actividades e compromisos adquiridos por Turismo de Galicia co país nipón están repercutindo de forma directa na chegada de turistas e peregrinos procedentes de Xapón a nosa comunidade.
O pasado ano 2014 viaxaron á nosa comunidade máis de 13.000 turistas procedentes de Xapón o que supuxo un total de 20.300 pernoctacións nos establecementos hoteleiros de Galicia.
O mercado xaponés experimentou así no pasado ano un incremento de viaxeiros aloxados de máis do 27% e dun 17% o volume de pernoctacións do anterior ano 2013.
En canto ao número de peregrinos, no pasado ano recolleron a Compostela un total de 1.095 peregrinos xaponeses.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia