Skip to main content

Turismo de Galicia promociónase na feira mundial IBT de Berlín cunha aposta empresarial público-privada

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, encabeza a misión turística galega que e ata o día 8 de marzo participa na feira ITB de Berlín, o certame turístico máis importante do mundo, ao obxecto de promover a oferta es os servizos turísticos galegos no mercado alemán, o segundo mercado emisor máis importante para a Comunidade galega.

Nesta ocasión, Turismo de Galicia aposta pola colaboración público-privada no eido da promoción turística do territorio galego, xa que a presenza galega nesta feira, ademais de contar cun expositor institucional no que o público asistente poderá contar con toda a información turística precisa da Comunidade galega, os empresarios galegos asociados ao Clúster Turismo de Galicia contarán por primeira vez neste certame cun espazo onde desenvolver as súas relacións comerciais.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, manterá durante os días do certame diferentes reunións e encontros con diversos turoperadores e axentes de viaxes co obxectivo de establecer novos contactos comerciais, tanto con aqueles turoperadores que xa traballan o destino Galicia coma con aqueles que teñen previsto incluír a nosa Comunidade entre a súa oferta

Produtos e servizos turísticos galegos

Neste evento dedicado ao Turismo en xeral, Turismo de Galicia promoverá a ampla oferta turística da Comunidade galega, facendo fincapé naqueles recursos e produtos de especial interese para o mercado alemán, como é o Camiño de Santiago e o resto de experiencias turísticas que ofrece Galicia cos seus correspondentes paquetes de comercialización: a enogastronomía, a través do produto Paseando entre Viñedos, o termalismo, con Mananciais de Galicia; o de costa, con Turismo Mariñeiro; o patrimonio cultural, con Santuarios Máxicos e Patrimonio Oculto; as praias; con Faros e Praias Salvaxes; a natureza, coa Ruta da Camelia e Bosques de Galicia; así como as contornas máis senlleiras do territorio galego a través dos Lugares Únicos.

Segundo mercado internacional de Galicia

A participación neste certame permitirá influír no mercado turístico alemán, un mercado emisor moi importante para a nosa Comunidade.

Concretamente, Alemaña é, despois de Portugal, o segundo mercado internacional máis importante para Galicia. O pasado ano 2014, o mercado alemán supuxo o 2,3% do total das pernoitas que se rexistraron na nosa comunidade.

No que se refire ao Camiño de Santiago, no pasado ano 2014, percorreron a Ruta Xacobea un total de 16.347 peregrinos procedentes de Alemaña, o que supuxo un 6,87% do total de peregrinos que chegaron a Compostela.

Alemaña ocupou así o lugar número 3 no ránking de países de chegada de peregrinos á Oficina de Acollida de Santiago de Compostela, tras España e Italia. Nos últimos anos, Alemaña era o país do que acudían máis peregrinos estranxeiros. Por primeira vez, os peregrinos procedentes de Italia superaron os alemáns no pasado ano 2014, feito que probablemente sexa debido á celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia