O Carballiño prepárase para celebrar a 50º Festa do Pulpo o 12 de agosto
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/festa_pulpo_carballino_pres.jpg)
Dende as primeiras edicións deste evento, a Festa do Pulpo do Carballiño contou cun deseño específico dun cartel anunciador distribuído a todos os Centros Galegos, ás oficinas de Turismo e aos concellos de Galicia, así como polo resto do Estado. Na presentación da festa que tivo lugar esta mañá no Carballiño estivo presente Felipe Senén, o autor de boa parte dos carteis anunciadores da Festa do Pulpo, unha labor que supuxo a continuación da comezada polo seu pai, tamén Felipe Senén, hai cinco décadas. Con motivo deste 50 aniversario da festa, o Concello ven de organizar unha mostra da cartelería utilizada para promocionar o evento ao longo de todos estes anos, que se pode visitar na Praza Maior da vila ourensá.
A Festa do Pulpo será a cuarta festa da provincia que conte coa distinción de Festa de Interese Turístico Nacional, despois da Festa da Istoria de Ribadavia e dos Entroidos de Xinzo e Verín. A edición 2012 está dedicada ás pulpeiras de Arcos, as auténticas artesás da súa elaboración. Segundo recalcou Carmen Pardo, “ o segredo desta festa non é só o exquisito pulpo, senón tamén a magnífica maridaxe que fai co viño da D.O. Ribeiro e o marco natural incomparable onde se celebra”.
O xeodestino O Ribeiro
Carmen Pardo tamén aproveitou a ocasión para resaltar as cualidades do xeodestino no que se sitúa a festa e comentou que asistir á festa é unha “oportunidade excepcional para aproveitar e descubrir a vila do Carballiño, unha estación balnearia con gran tradición; o mosteiro cisterciense de Oseira ou a Pena Veidosa”. Tamén resaltou que o xeodestino O Ribeiro é unha mostra dos enormes tesouros que agocha Galicia e anunciou que dentro do produto Cabeceira da marca Galicia Patrimonio Oculto promocionaranse lugares deste xeodestino como o Parque Etnográfico do Arenteiro e o Muíño do Anxo; o santuario da virxe da Saleta, a igrexa de San Mamede de moldes e a de San Xulián de Boborás ou Santa María de Melón; o castro do San Cibrán de Las ou a Igrexa de San Xes de Francelos en Ribadavia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia