Un centenar de asistentes nas Xornadas sobre Turismo Cinematográfico
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/turismo_cinematografico.jpg)
Na inauguración do foro, celebrado no salón de actos de San Marcos, acompañaron a Besteiro o presidente de Filmax, Julio Fernández, e o escritor Alfredo Conde. Fernández asegurou que a rodaxe dunha película “provoca un movemento que non remata en anos”, e puxo como exemplo “The Way”, o seu filme sobre o Camiño de Santiago, que, segundo o produtor fonsagradino, “é a mellor promoción de cantas accións publicitarias se fixeron das rutas xacobeas”. Pola súa banda, Alfredo Conde, autor da novela “Romasanta. Memorias incertas do Home Lobo”, indicou que o cine “consigue promocións incribles”. Como mostra disto sinalou que no Salón Internacional do Libro de San Petersburgo, do que acaba de chegar, “cren que o home lobo non procede de Allariz, senón da Fonsagrada porque alí foi onde se rodou a película “Romasanta”.
En Galicia non existen hasta o momento itinerarios establecidos polos lugares nos que se gravou un filme, simplemente se organizan visitas a localizacións puntuais, pero noutras rexións de España, como Andalucía –que foi pioneira-, Cataluña ou Asturias, levan anos desenvolvendo a iniciativa con éxito. No resto do mundo tamén é unha estratexia estendida, sendo Nova Zelanda un dos grandes referentes polo “boom” turístico que provocou “El Señor de los Anillos”.
A Deputación, pioneira en Galicia
O primeiro paso de cara a aproveitar como reclamo o cine cunha estratexia planificada deuno precisamente a Deputación coa propia organización das xornadas inauguradas hoxe e coa elaboración do primeiro “movie map” de Galicia, un mapa no que se sinalizan as localizacións de rodaxe de películas para o seu uso turístico. O plano foi realizado polos alumnos da Escola de Imaxe e Son e recolle rutas polos emprazamentos do Courel e A Fonsagrada nos que se gravou “Romasanta”. Estes itinerarios serán incorporados na nova etapa do programa medioambiental Km0. “Romasanta” é un filme producido por Filmax baixo a dirección de Paco Plaza, cun guión de Alfredo Conde, e protagonizado por Elsa Pataky e Julian Sands. Rodouse no ano 2004 e conta a historia de Manuel Romasanta, o home lobo de Allariz.
Conferencias e mesa redonda
Antes do acto de inauguración oficial das Xornadas sobre Turismo Cinematográfico tivo lugar a primeira das conferencias do programa, “Cine e Turismo, unha nova estratexia de promoción”, que correu a cargo do Presidente da Film Comission de Andalucía, Carlos Rosado. As Film Comission son entidades que facilitan ós produtores audiovisuais toda a información que precisen para a realización de rodaxes nun determinado lugar, promocionando co seu traballo a industria audiovisual e a propia zona na que operan. Despois presentouse o “movie map” de “Romasanta” e proxectouse a película.
As xornadas continuarán mañá venres no salón de actos do Concello de Sarria. Ás 10:30 horas haberá unha exposición das experiencias de turismo cinematográfico desenvolvidas en Andalucía e no municipio asturiano de Llanes. Ás 12:30 terá lugar unha mesa redonda sobre “O Cine como recurso dinamizador na promoción económica dos territorios”, na que participarán José Antonio Corredoira Teijeiro, director da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC; Paula Vázquez Núñez, Concelleira de Turismo de Sarria; Piluca Querol, da Andalucía Film Commission; e Anxo Quintanilla, director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia. Pola tarde, a partir das 16:00 horas, farase un percorrido polas localizacións de rodaxe de “Romasanta” en O Incio, Folgoso do Courel e Samos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia