Expertos en Rutas Xacobeas debaten en Compostela accións a seguir sobre os Camiños en Galicia
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/congreso_xuridico_rutas_xac.jpg)
Segundo o titular de Cultura e Turismo, o Camiño de Santiago “reúne e aglutina un conxunto inxente de fitos culturais que han de ser abordados con sensibilidade patrimonial e paisaxística, perspectiva histórica e rigor tecnocientífico”. “Todos estes fitos requiren de nós o máximo compromiso polo valor simbólico e patrimonial que axuntan e que representan unha parte esencial da identidade de Galicia”, afirmou.
Roberto Varela manifestou o seu compromiso para “mellorar a nosa normativa, procurando a precisión terminolóxica, a univocidade, a harmonía co resto de normativas nacionais, internacionais e locais, e a adecuación ás novas necesidades sociais que xorden no seo do Camiño”. Para o conselleiro de Cultura e Turismo, a celebración deste congreso servirá para “facer unha peregrinación de coñecemento por un vía inédita na programación deste Xacobeo 2010, polo vía da normativa da protección dos Camiños na nosa comunidade”.
A EGAP reunirá a moitos dos responsables da xestión e administración recente do patrimonio cultural galego e diversos profesionais especializados na normativa e a xurisprudencia sobre o Camiño de Santiago para analizar a situación da normativa de protección das Rutas Xacobeas. Roberto Varela destacou o feito de que neste congreso “conxúguese a atención ás rutas históricas que conducen ao Apóstolo e a atención ás persoas que humanizan e dotan de significado ao propio Camiño”. Concretamente, Luís Vázquez Forno abordará A protección Sanitaria do Peregrino e do Dependente, un traballo que analiza os distintos ámbitos de competencia en materia de saúde e presenta o actual Plan de Asistencia Sanitaria ao Peregrino Xacobeo 2010.
“As achegas que se fagan neste foro de comunicación e diálogo, así como as conclusións provisionais que se alcancen, servirán para perfeccionar o noso quefacer administrativo e normativo”, resumiu o conselleiro. Na sesión inaugural deste congreso xurídico-científico interviñeron asemade o director da Escola Galega de Administración Pública, Pablo Figueroa; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; a directora xeral da Asesoría Xurídica Xeral, Cayetana Lado; o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás; e a presidenta da Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia, Beatriz Allegue.
Congreso Xurídico
O congreso Unha visión xurídica do Camiño de Santiago analizará a situación normativa de protección dos Camiños na nosa comunidade autónoma e a súa reforma. Abordaranse asemade os problemas contenciosos e penais derivados do Camiño e se estudarán todos os ámbitos de xestión dende o punto de vista xurídico.
Do mesmo xeito, realizarase unha revisión dos noventa como período de revitalización xurídica da Ruta Xacobea, da protección xurídica do peregrino e da Administración creada ao servizo do Camiño de Santiago así como a regulación do sector turístico de Galicia e o estudo do preciso desenvolvemento normativo para a protección do Camiño de Santiago.
O curso está dirixido aos representantes de todas a áreas da administración autonómica e das súas entidades dependentes vinculadas á xestión de materias relacionadas co Camiño de Santiago e representantes doutras administracións públicas (Administración Xeral do Estado, Comunidades Autónomas e entidades Locais) implicadas na execución do Xacobeo 2010, alumnos universitarios das titulación relacionadas coas materias a tratar no Congreso, funcionarios de todas as administracións públicas e interesados en xeral.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia