O conselleiro de Innovación presentou a campaña turística: Este Nadal regálalle unha árbore a Galicia

Esta iniciativa é froito de senllos acordos de colaboración entre a Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Turismo, e os colectivos de propietarios de Turismo Rural, logo da vaga de incendios forestais que rexistrou o territorio galego o pasado mes de agosto.
Por medio desta campaña preténdense incentivar as estadías na rede de aloxamentos rurais de Galiza e reafirmar a imaxe do Turismo Rural logo dos incendios forestais do pasado verán, vencellando este subsector turístico directamente co ambiente natural.
Accións
Durante a vixencia desta promoción turística, os viaxeiros que se aloxen nos establecementos adheridos terán a oportunidade de plantar unha árbore no contorno do aloxamento rural, contribuíndo así ao incremento da masa forestal do territorio galego.

Esta iniciativa da Consellería de Innovación e Industria e as asociacións de propietarios de Turismo Rural de Galiza contribuirá tamén a favorecer a desestacionalización do sector que se rexistra nos períodos de menor demanda.
Todas as persoas que desexen participar nesta promoción poderán reservar as súas estadías a través da Central de Reservas de Turgalicia, no teléfono 902 200 432.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia