Skip to main content

A Consellería de Innovación promociona o turismo de negocios galego en Barcelona

A Consellería de Innovación e Industria, a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galiza, Turgalicia-Dirección Xeral de Turismo, promociona entre o martes 29 de novembro e o día primeiro de decembro as posibilidades que ofrece Galiza para a organización de congresos, viaxes de incentivo e convencións na feira European Incentive, Business Travel and Meetings Exhibition (EITBM), que se desenvolve en Barcelona.

Esta feira, de carácter exclusivamente profesional, contará coa presenza de 3.000 expositores e 3.500 compradores desta modalidade turística.

Pola súa parte, Turgalicia dará a coñecer as infraestruturas coas que conta Galiza neste eido, e que cada vez están máis desenvolvidas nas principais cidades.

Unha das características que máis salientan desta feira reside nos grupos de compradores convidados pola organización.

Así, os datos destes grupos, que engloban directivos de empresas, axentes de viaxes especializados en incentivos, organizadores profesionais de congresos, están a disposición dos vendedores, como é o caso de Turgalicia, de xeito que se poidan pechar citas cun mes de antelación.

Xunto a Turgalicia asisten a esta feira o Padroado de Turismo Rías Baixas, Turismo da Coruña, a Cámara de Comercio de Vigo, o Pazo de congresos e exposicións de Galiza, o Santiago de Compostela Convention Bureau, e as empresas Viaxes Atlántico, Galevents Incentivos e Abramar congresos.

O Turismo de Negocios en Galiza xera máis de 40 millóns de euros ao ano. Ademais, ao longo dos 365 días celébranse máis de 1.000 eventos, dos que arredor de dous tercios son congresos e o outro tercio convencións e viaxes de incentivo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia