Skip to main content

O Observatorio Ramón María Aller achega ás vilas galegas a beleza astronómica e artística dunha ruta marcada polas estrelas

Trátase dunha iniciativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC que forma parte das actividades culturais desenvolvidas ao abeiro da convocatoria ‘O teu Xacobeo’ promovida por Turismo de Galicia no Xacobeo 21-22. Coordinado polo director do Observatorio, José Ángel Docobo, o programa combina sesións de astronomía, da súa man e da de integrantes do persoal investigador e colaborador do OARMA, como Pedro Pablo Campo, Xabier P. Couto, María Brea e Jorge G. Crespo, con conferencias en relación coa arte xacobea do Camiño, que serán impartidas por Cecilia Doporto, experta neste ámbito.

Nos meses de agosto e setembro unha morea de lugares de Galicia acollerán sesións astronómicas públicas que se realizarán a simple vista ou con telescopios portátiles que desprazará a USC para a ocasión. O Barco de Valdeorras, Lalín, Allariz, Sobrado, Santa Comba, Cartelle, Ribadeo, Sanxenxo, O Grove, Sarria, Noia, Rianxo, Teo, Boqueixón ( no Pico Sacro), Padrón, Bóveda e Santiago de Compostela son algunhas das localidades onde se celebrarán. Nelas, as persoas participantes aprenderán a identificar diferentes obxectos observables como as constelacións, coa contemplación do chamado triángulo de verán que conforman as estrelas brillantes Vega (na constelación da Lira), Altair (na Aguia), e Deneb (no Cisne), así como a propia Vía Láctea, visible cando os ceos están ben escuros, ou os planetas Xúpiter e Saturno, que poderemos observar á primeira hora da noite a partir da segunda quincena de agosto. Os telescopios desprazados pola USC permitirán ademais divisar estrelas dobres, nebulosas e cúmulos estelares e, sobre todo, os detalles da Lúa en canto esta entre na súa fase crecente.

As conferencias sobre os motivos xacobeos do Camiño, sobre a súa mitoloxía e historia celebraranse en concellos como Dozón, Rodeiro, Lalín , Silleda, San Cristovo de Cea, Chantada, Melide ou Palas.

Todas as sesións son de balde e na páxina web do programa pódense consultar as datas previstas en cada concello así como as vías para reservar as prazas dispoñibles.
Universidade de Santiago de Compostela