Skip to main content

Unha experiencia pioneira ofrece paseos virtuais para explorar o fondo mariño do Parque Nacional das IIlas Atlánticas

As persoas interesadas poderán participar nesta iniciativa de forma completamente gratuíta. Para iso, terán que inscribirse presencialmente o mesmo día da visita na caseta de información localizada nas Illas Cíes.

A cooperativa galega 13 graos, especializada en educación ambiental para a divulgación do medio mariño, encargarase de dirixir a actividade, que será posible grazas ao uso de ROVS (drons submarinos controlados por operador) capaces de transmitir en tempo real as imaxes do fondo do mar que van captando ao longo do seu percorrido.

De aquí a finais de agosto e durante a primeira quincena de setembro ofreceranse un total de 60 pases —56 en Cíes, dous en Ons, un en Sálvora e un en Cortegada— cunha duración de entre 45 e 60 minutos, que se desenvolverán de xoves a sábado polas noites e de xoves a domingo en horario de mañá.

As sesións diúrnas están pensadas para grupos de catro persoas ás que se lles facilitarán gafas de realidade virtual ou tablets para poder gozar dunha experiencia de inmersión sen necesidade de meterse na auga. Ademais, o paseo virtual irá acompañado dos comentarios dunha especialista que axudará a interpretar en tempo real as imaxes e achegará información sobre a riqueza, biodiversidade e características dos fondos das Illas Atlánticas e a importancia da súa conservación.

Polo que respecta aos pases nocturnos, a dinámica será diferente xa que están pensados para proxectar nunha pantalla instalada no peirao de Rodas ou na propia praia, dependendo das condicións meteorolóxicas, imaxes submarinas captadas tanto en directo como en diferido.

Ademais, todo o material audiovisual que se obteña durante os pases de agosto e setembro gravarase e recompilaranse co fin poder difundilo o resto do ano nos centros de visitantes do Parque Nacional e tamén nas actividades enmarcadas dentro do seu programa educativo.

Neste sentido, cómpre subliñar que a iniciativa Un paseo baixo o mar non só ofrece a posibilidade de que calquera persoa poida achegarse desde terra firme e de forma minimamente invasiva ás paisaxes e á biodiversidade dos fondos mariños das Illas Atlánticas, senón que contribúe a concienciar á sociedade da importancia e da riqueza que esconde o territorio somerxido do Parque Nacional, que supón o 86% de toda a súa superficie.
Parque Nacional das Illas Atlánticas