Skip to main content

Reino Unido, Irlanda e Polonia iluminan monumentos para celebrar o Día do Apóstolo

Deste xeito, Turespaña, a través das súas Oficinas internacionais, en colaboración con Turismo de Galicia está a iluminar monumentos emblemáticos de diversas capitais para promocionar o Xacobeo 2021-2022. Con esta acción búscase amplificar a celebración da festividade do Apóstolo dándolle unha repercusión internacional ás portas da celebración do Día do Apóstolo.

Os monumentos emblemáticos que permanecen iluminados estes días sitúanse en Reino Unido, Irlanda e Polonia, países que son principais emisores de viaxeiros estranxeiros ao noso país. Así, a Igrexa de Saint James de Dublín, que é a máis identificada co Camiño de Santiago na capital irlandesa, comezou a iluminarse o 19 de xullo e seguirá lucindo a frecha amarela que marca o Camiño de Santiago ata o día 26.

Do mesmo xeito, esta semana ilumináronse a Catedral de Southwark, situada xunto ao London Bridge de Londres e a igrexa de Santiago Apóstolo en Torun, en Polonia, que lucirá a iluminación especial ata o 25 de xullo.

AcendeOXacobeo en Galicia

A Torre de Hércules e o edificio de Afundación Abanca na Coruña, o Concello e a sede da AFundación en Ferrol, a torre da Berenguela e a Cidade da Cultura en Santiago, a Igrexa de San Francisco en Pontevedra, a Catedral en Ourense, a Catedral de Lugo e a sede da Xunta e a sede de AFundación Abanca en Vigo manteñen tamén a iluminación acesa con motivo da celebración deste Xacobeo, que continuará nas cidades galegas ata, polo menos, o remate deste primeiro Ano Santo.
AcedeoXacobeo