Skip to main content

Afundación presenta a mostra 'Galicia, a un paso de ti' para invitar aos galegos a redescubrir o seu territorio

A mostra, que estará na cidade compostelá ata o vindeiro 15 de maio, retrata a través de máis de 200 imaxes do fotógrafo Adolfo Enríquez a natureza e o patrimonio histórico de Galicia converténdose nunha invitación aos galegos a redescubrir o seu territorio. Así o destacou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou “a oportunidade de confirmar que somos privilexiados por vivir no mellor lugar do mundo, nun destino con tantos recursos turísticos dos que esta mostra plasma algúns exemplos das marabillas e tesouros da comunidade”.

Nesta liña, lembrou que o turismo interno está a ser clave na reactivación do turismo galego, motivo polo cal a Xunta aposta por programas destinados a inxectar liquidez ao sector como a ampliación do Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que se estenderá a toda a poboación galega, ou a renovación de Elixe Galicia, con paquetes turísticos para animar aos galegos a coñecer a súa propia terra. Deste xeito, Alfonso Rueda sinalou a necesidade de fomentar a mensaxe de Galicia como un destino seguro e de calidade para que cando a situación sanitaria o permita, turistas e peregrinos poidan visitar a comunidade, ao igual que están facendo os propios galegos.

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet inauguraron esta mañá a mostra, que percorrerá posteriormente outras sedes da Obra Social de ABANCA nas cidades galegas. Ao acto tamén asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director xerente de Afundación, Pedro Otero e Adolfo Enríquez, fotógrafo autor das imaxes da exposición.

A mostra de Turismo de Galicia xira arredor de tres piares fundamentais: natureza, patrimonio e Camiño de Santiago. Esta diversidade permite descubrir instantáneas da Galicia interior bañada por mil ríos, das súa praias e dos seus parques naturais, do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pero tamén das rutas xacobeas e a zona histórica de Compostela ou monumentos como a Muralla de Lugo ou da Torre de Hércules, declarados todos eles pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, ademais dunha multitude de imaxes das da gastronomía, das festas ou os costumes conservado ao longo dos séculos, nunha simbiose perfecta de tradición e modernidade.

As 216 imaxes son unha mostra representativa de todo o esplendor de Galicia, que serven para cautivar a quen non a coñece e para convidar a quen a habita a descubrir pequenos paraísos que están apenas a uns pasos.

O autor

As imaxes da mostra pertencen ao fotógrafo Adolfo Enríquez (Porto do Son, 1965), que empezou na fotografía aos 14 anos ata converterse nun nomeado profesional cunha gran paixón polos escenarios naturais de Galicia. Unha devoción plasmada en guías e revistas de viaxes; exposicións en varios continentes, e nos libros Cara a Santiago e Sinte Galicia.
Afundación