Skip to main content

O cuarteto Vienna Clarinet Connection pechará a XII Festival 'Pórtico do Paraíso'

O cuarteto de Austria Vienna Clarinet Connection será o encargado de pechar a XII edición do Festival Internacional de Música de Ourense "Pórtico do Paraíso" e compartirá cartel con outras agrupacións procedentes de Galicia, España, Italia, Suíza e Reino Unido, convertendo do 15 ao 24 de marzo a provincia de Ourense, "na capital da música clásica de Galicia con carácter internacional", dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación deste evento cultural hoxe no Pazo Provincial, acto no que tamén participou o alcalde e a concelleira de Cultura de Ourense, Jesús Vázquez e Belén Iglesias; e o director do Festival, Juan Enrique Miguéns.

A Deputación de Ourense coorganiza este evento "plenamente consolidado no calendario cultural, con altas cotas de valoración por parte da sociedade ourensá", dixo Rosendo Fernández. A incorporación da institución provincial como coorganizador do Festival propiciou "a apertura do evento ao resto da provincia e así poder chegar a lugares tan emblemáticos como a Igrexa Mosteiro de San Clodio de Leiro e a Igrexa de Santa Mariña de Augas Santas de Allariz, engadíndolle ao festival o valor engadido do valor patrimonial destes recintos", engadiu o vicepresidente da Deputación de Ourense, quen lembrou que o goberno provincial "aposta pola cuestión estratéxica da oferta cultural, propiciando oportunidades a tódolos veciños a prol da equidade cultural".

Nesta duodécima edición do Festival "reafirmamos o carácter ecléctico que ten este evento, reforzando así a nosa sinal de identidade: aceptando formacións instrumentais e vocais no tan ao uso en festivais como o noso, e nos repertorios que imos a escoitar", sinalou o director do Festival, quen explicou que serán un total de "sete concertos diferentes e orixinais que conforman un programa novamente atractivo para o noso público en lugares de alto valor patrimonial".

O festival "Pórtico do Paraíso" é "un dos máis importantes encontros de música culta que hai no noso entorno xeográfico, que continúa a situar a Ourense na exclusiva axenda de cidades amantes deste xénero, de feito, dentro da nosa programación anual da concellería de Cultura está música está sempre presente", dixo Belén Iglesias. Neste mesmo sentido, o alcalde de Ourense reivindicou a importancia de celebrar este eventos de "primeiro nivel" porque apostar pola cultura é "apostar pola cidadanía e por posicionar ao noso Ourense e neso vimos a traballar durante estes anos". Así mesmo, Jesús Vázquez lembrou que hoxe Ourense aparece "como un referente en numerosas revistas de prestixio dentro do que é a música culta".

Programación

O Festival comeza o venres, 15 de marzo, ás 21.00 horas, coa actuación do grupo vocal de Italia Odhecaton. Ao día seguinte, o 16 de marzo, continuará a programación na Igrexa do Mosteiro de San Clodio de Leiro, ás 19.30 horas, co grupo instrumental de España Los Músicos de Urueña, mentres que o domingo, 17 de marzo, a música trasladarase á Igrexa de Santa María Nai coa actuación do grupo vocal e instrumental de Suíza e Italia, La Lyra e Pino de Vittorio, a partir das 20.30 horas. Neste mesmo lugar, o mércores 20 de marzo, ás 20.30 horas, actuará o dúo de percusión de Galicia Mbira-Dúo.

O festival continúa o venres, 22 de marzo, ás 20.30 horas, coa actuación do quinteto vocal de Reino Unido Apollo5, na Igrexa de Santiago das Caldas. Ao día seguinte, 23 de marzo, ás 19.30 horas, será a quenda para o grupo vocal e instrumental de Italia Lareverdie, na Igrexa de Santa Mariña de Augas Santas de Allariz. Por último, o cuarteto de clarinetes de Austria Vienna Clarinet Connection actuará no Teatro Principal, o 24 de marzo, ás 19.00 horas, poñendo o broche final a este Festival de música clásica.

O acceso aos concertos é libre, agás o concerto de Vienna Clarinet Connection no Teatro Principal, para o cal xa están á venda as entradas na plataforma Ataquilla.
Deputación de Ourense