Skip to main content

Íker Jiménez e Luis Piedrahita participarán na Ourense ICC Week 2019

Así o anunciou hoxe no centro cultural "Marcos Valcárcel" o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polos coordinadores da "Ourense ICC Week", Juan Rivas e Manuel Araújo.

A Semana das Industrias Culturais e Creativas, que organiza anualmente a Deputación de Ourense, celebra a súa quinta edición entre os días 2 e 7 de abril, durante os cales Ourense converterase no "foro creativo e cultural para centos de persoas e entusiastas da innovación que, en diferentes lugares emblemáticos da nosa provincia, analizarán, debaterán e gozarán coas propostas que os mercados e a tecnoloxía pon a disposición do público", anunciou o presidente do goberno provincial.

Este ano volverase a centrar a imaxe da "Ourense ICC Week" na "importante riqueza creativa e patrimonial da nosa provincia, así pasaron polo cartel xa a Ponte do Milenio, O edificio Viacambre de Rodríguez de La Cruz, o campamento romano Aquis Querquennis de Bande e o petróglifo do Coto, situado en Punxín e, esta quinta edición, centra a súa mirada na valiosa colección de pezas de xadrez atribuídas ao tesouro de San Rosendo", lembrou Baltar, quen dixo que "simbolizan a cultura que ten esta provincia e son unha verdadeira homenaxe ao noso patrimonio".

Esta xoia do noso patrimonio terá tamén un especial protagonismo durante a celebración da "Ourense ICC Week" 2019, nunha mesa de debate que se celebrará o día 4 de abril na Catedral de San Martiño e na que participarán relatores de primeiro nivel como o xornalista de El País e Mestre Internacional de Xadrez, Leontxo García; o doutor de Arqueoloxía Islámica na Universidade Autónoma de Madrid, Fernando Valdés, quen desvelará unha importante primicia sobre este xogo durante a charla; e o historiador experto na Galicia Medieval e profesor da UNED de Ourense, Anselmo López Carreira. A mesa será moderada polo autor do libro Xaque a Jakobusland, Pablo Culebras, no que se mestura a historia do xadrez, a figura de San Rosendo e as invasións viquingas a Galicia.

Juan Rivas agradeceu á Deputación de Ourense "o seu compromiso por quinto ano consecutivo" e dixo que "podemos proclamar a Ourense, nación creativa". Así mesmo, en canto ao éxito desta iniciativa nas pasadas edicións, o coordinador da "Ourense ICC Week" explicou que o estudo de medios que se realizou o ano pasado "cuantificaba preto de 760.000 euros o impacto mediático que tivera se se traducira en publicidade e este ano queremos revalidar este gran impacto".

Xornalismo

Ademais da imaxe, os coordinadores da "Ourense ICC Week" desvelaron algúns detalles da programación desta quinta edición na que, nesa liña de aposta pola diversidade creativa, darase cabida ao xornalismo en tódalas súas vertentes (audiovisual, radiofónica ou nas redes) da man de Iker Jiménez, xornalista, presentador de televisión e divulgador do misterio e o paranormal, que participará co seu formato en directo chamado "Cara a Cara". Trátase dunha nova experiencia de comunicación na que os asistentes poderán preguntar directamente a Iker, nun diálogo próximo no que a interacción será a clave, na procura dunha conexión total cos asistentes. A "Ourense ICC Week" ofrecerá aos asistentes a oportunidade de intercambiar impresións co "influencer máis importante que hai na actualidade, dado que o seu nicho de seguidores son fieis e están atentos a todas as súas publicacións", salientou Juan Rivas. O encontro terá lugar o mércores, 3 de abril, no Teatro Principal de Ourense.

Humor

E do xornalismo pasarase ao humor como base de toda a creatividade, unha temática que continúa a ter o seu espazo na Semana das Industrial Culturais e Creativas e que nesta edición correrá a cargo do humorista, ilusionista, escritor e director de cine, Luis Piedrahita, quen ofrecerá o seu monólogo "Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas", o domingo, 7 de abril, no Auditorio de Ourense.

E-Sports

Outro dos espazos que se manteñen na programación da "Ourense ICC Week" 2019 será o das E-Sports, no que se dan cita afeccionados e profesionais dos videoxogos. A programación E-Sports ocupará espazo nas xornadas do xoves, venres, sábado e domingo, sendo nas citas da fin de semana cando se celebren os torneos gratuítos de FIFA 19 e FORNITE en plataforma PS4 con retransmisión online e premios para os gañadores. "As inscricións abriranse a partir do 25 de febreiro", dixo Manuel Araújo, quen destacou o protagonismo dos videoxogos "na nosa sociedade, dos 6 aos 65 anos, xerando unha industria que se estima que no 2020 poida chegar aos 15 millóns de dólares a nivel mundial".

O apartado E-Sports inclúe este ano ademais unha charla que, baixo o título "Videoxogos: dos riscos ás oportunidades", estará dirixida aos centros educativos para mozos de entre 12 e 17 anos. A conferencia estará dirixida polo doutor José Luis Montiel Castaño e polo fundador de MundoGT, Alfonso Rodríguez Iglesias. Trátase dunha mesa orientada ao fomento do uso responsable dos videoxogos e tamén a advertir sobre os riscos derivados do seu mal uso.
Deputación de Ourense