Skip to main content

Presentada a vixésima edición de Xantar, un dos mellores escaparates para exaltar a riqueza enogastronómica de Galicia

En dito programa, á tradicional e estreita cooperación transfronteiriza con Portugal, súmase con máis forza, se cabe, a colaboración iberoamericana. Por sexto ano consecutivo, Xantar volver ser o único certame internacional celebrado en España dedicado conxuntamente ao turismo e a gastronomía e ofrécelle ao visitante máis de 200 actividades enogastronómicas e turísticas, é dicir, unha media de catro actividades por cada hora de celebración do salón

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na rolda de prensa de presentación desta nova edición de Xantar e destacou que esta feira “con dúas décadas de historia se converteu xa nunha das nosas feiras máis consolidadas e nun encontro de primeiro nivel no que se defende a enogastronomía de calidade”. Ademais, na súa intervención, Díaz Mouteira indicou que este certame é “un dos nosos mellores escaparates para exaltar os produtos e a cociña galega”.

A representante do Goberno galego subliñou o respaldo de distintos departamentos autonómicos a este evento internacional de turismo gastronómico. Tanto a Consellería do Medio Rural como a do Mar contarán con aulas gastronómicas para realizar obradoiros e demostracións que demostren as posibilidades culinarias dos nosos produtos. Así, organizan showcookings que teñen o obxectivo de poñer en valor os produtos de calidade de Galicia amparados con Denominación de Orixe, Indicación Xeográfica Protexida ou con selos de garantía como “PescadeRías, de onde se non?” ou as conservas de peixe e marisco de Anfaco-Cecopesca. Participarán chefs galegos como Javier Rodríguez “Taky”, Adrián Felípez, José Manuel Mallón o Emma Pinal, entre moitos outros. A Consellería do Medio Rural tamén patrocina o túnel do viño, no que participan as cinco denominación de orixe de viño de Galicia, que presentará 140 referencias da comunidade prestando especial atención aos vinos gañadores nas catas oficiais de Galicia.

Pola súa banda, Turismo de Galicia achega un stand informativo sobre as moitas posibilidades turística que ofrece a nosa Comunidade autónoma e terá unha especial dedicación á variedade e riqueza de recursos que ofrece a provincia de Ourense.
Nesta cita, tamén colabora a Consellería de Sanidade organizando actividades relacionadas coa alimentación saudable e a seguridade alimentaria. Así, este ano organiza unha charla para explicar as medidas preventivas adoptadas polas autoridades sanitarias para reducir a aparición da enfermidade do anisakis, que consisten fundamentalmente nunha labor de inspección para que todos os alimentos cheguen á mesa en perfectas condicións, evitando que ocasionen ao consumidor algún tipo de patoloxía.
A delegada territorial manifestou a súa satisfacción de comprobar, ano tras ano, como Galicia se proxecta ao mundo desde Xantar e desde Ourense “unha provincia que conta con todo o que os nosos turistas buscan: natureza, enogastromía, termalismo, patrimonio cultural, entre outras moitas cousas”.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, está previsto que o mércores, 6 de febreiro, presida a inauguración de Xantar 2019.

Brasil, país convidado

A 20ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, terá como país convidado a Brasil, representado pola Prefeitura Municipal de Foz de Iguaçu, o segundo destino elixido polos estranxeiros que visitan Brasil xa que acolle as famosas Cataratas de Iguaçu, unha das sete marabillas naturais do mundo, que comparte con Arxentina e Paraguai. Malia a súa proxección internacional e co obxectivo de captar novos visitantes, Foz do Iguaçu acode a Xantar para promoverse como destino gastronómico de calidade.

Nesta edición participan 15 restaurantes procedentes de Galicia, Castela e León e de varias rexións turísticas de Portugal, ademais de Panamá e de Brasil, que participa como país convidado. En total, ofrécense 20 menús con prezos comprendidos entre os 15 e os 39 euros, baseados en produtos autóctonos e de calidade. Cómpre salientar que hai importantes descontos para grupos, prezos especiais para menús infantís ou mesmo especiais para celíacos.
Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense)