Skip to main content

Un total de 79 areais de 45 concellos forman parte da Rede Galega de Praias sen Fume

Esta acreditación é o máximo nivel ao que se pode optar ao declarar todas as súas praias sen fume. Como novidade, no pasado ano, incorporouse a posibilidade de incluír praias fluviais, isto amplía a todas as provincias galegas a posibilidade de formar parte desta iniciativa de promoción da saúde. Esta medida tivo moi boa acollida e xa contan con esta distinción un total de 15 areais fluviais.

Ademais, a rede estendeuse a outros ámbitos, nacendo a Rede Galega de Portos Sen Fume, co fin de sensibilizar aos usuarios e visitantes do portos deportivos dos beneficios de vivir sen tabaco. Actualmente, hai catro portos deportivos adheridos a rede: Portosín, Portonovo, Ribadeo e Baiona. A colaboración coa Conselleira do Mar a través de Portos de Galicia, foi indispensable para facer chegar a proposta aos diferentes xestores portuarios solicitándolles a súa valoración e colaboración, co fin de facer dos portos autonómicos contornos máis saudables e sustentables.

Referente nacional

Galicia é pioneira na creación da primeira rede de praias sen fume, sendo o referente nacional na ampliación de espazos ao aire libre non regulados pola normativa vixente. A iniciativa está a ter unha gran acollida fóra da nosa comunidade, sendo Murcia a primeira en continuar o exemplo de Galicia. Para facilitar a implantación da súa rede, se lles proporcionou toda a información e os materiais. Outras comunidades como Andalucía e Valencia tamén amosaron o seu interese.

A Rede galega de praias sen fume naceu cun fin educativo e de sensibilización social, recalcando a importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos, como figuras modélicas que son. O obxectivo é que os cativos e mozos saiban que “o normal é non fumar” e avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco, co obxectivo de converter este entorno en educativo e preventivo.

Nas praias sen fume non se pode fumar na zona do areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas. Non existe vixilancia, nin sanción para o incumprimento, é unha elección voluntaria e persoal seleccionar unha praia sen fume como lugar de ocio, e polo tanto o seu cumprimento é unha responsabilidade persoal.

Moi boa acollida na sociedade

A Consellería de Sanidade realizou unha enquisa aos usuarios das praias e á poboación en xeral co fin de avaliar a percepción e a resposta á iniciativa. O traballo de campo levouse a cabo entre o 27 de xullo ao 21 de agosto pasado, cun tamaño de mostra de 1.350 usuarios de praias sen fume e outra de 1.000 entrevistas telefónicas a poboación residente de 18 e máis anos, ademais dunha revisión da sinalización requirida para participar no proxecto.

O 71,6% dos usuarios das praias no pasado ano valorou esta iniciativa como boa ou moi boa, isto é 7,4 puntos máis que no 2017. Na poboación xeral, catalogaron esta iniciativa como moi boa ou boa o 78,1%, 4,4 puntos máis que no 2017.

Crece a porcentaxe de usuarios das praias (68,7%) aos que lles gustaríalle que a iniciativa se estendese a outras praias no futuro e o 57,8% considera que debería estenderse a outros espazos ao aire libre.

Sobre o cumprimento, aumenta a porcentaxe de usuarios das praias que pensa que se respecta a recomendación de non de fumar nas praias, que actualmente é do 53,8%. Esta porcentaxe foi do 31,8 no 2016 e do 48,7 no 2017.

O 62% da poboación xeral que coñece a iniciativa a coñeceu a través dos medios de comunicación, o 10,5% a través dos comentarios doutras persoas e o 9,6% a través da sinalización con carteis das praias. Esta última porcentaxe foi aumentando respecto aos anos anteriores, sendo no ano 2016 do 2,7% e no ano 2017 do 7,6%.
Rede Galega de Praias sen Fume