A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega 20 funcións de 10 compañías á programación de artes escénicas de Santiago

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, detallou hoxe estes datos durante a presentación da carteleira escénica do Concello, na que tamén participaron Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia; e os representantes das compañías que protagonizan as catro estreas desta temporada: Víctor Mosqueira, de Produción Teatráis Excéntricas; Marta Pazos, de Voadora, con Hemos venido a darlo todo; Guillermo Carbajo, de Redrum Teatro, con Idiota; e Isabel Rey, de Os Monicreques de Kukas, con Arlequina.
Estreas
Estes catro espectáculos forman parte igualmente da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Santiago, na que a Agadic e o Concello realizan un investimento conxunto de preto de 53.000 euros para este primeiro semestre de 2019. Ademais de Hemos venido a darlo todo, que se representa en Santiago do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro tras a súa preestrea en Rianxo; Carpe Diem, do 27 de febreiro ao 1 de marzo; Idiota, do 6 ao 8 de marzo; e Arlequina, o 28 de marzo, o circuíto da Xunta achega á carteleira do Teatro Principal outros seis espectáculos galegos.
Trátase de Da avaricia, a luxuria e a morte, de Teatro do Noroeste (24 e 25 de xaneiro); Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro (16 de febreiro); Patapatúm, de Elefante Elegante (6 de abril); Entre soños, de Fran Sieira (25 de abril); Alma (non é hippie), do Colectivo Verticalia que integran Duelirium e Traspediante (4 de maio); e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro con Chévere (9 e 10 de maio).
Circuíto profesional
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de preto de 919.00 euros, que asumen a Agadic e as entidades locais asociadas.
Esta primeira carteleira de 2019 achegaralles aos espectadores de 38 concellos de toda Galicia 349 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 115 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
Rede Galega de Teatros e Auditorios