Skip to main content

Máis de 325.000 persoas visitaron este verán as illas do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas

Tal e como explicou a directora xeral, o total de visitantes ás illas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora tradúcese nun incremento dun 4,1%, respecto do ano anterior, cando se rexistraron un total de 312.420. A modo xeral, no conxunto das catro illas, agosto foi o mes no que se rexistrou un maior número de visitantes; mentres que nos meses de xuño e xullo incluso estivo por debaixo das cifras rexistradas o ano anterior ou con incrementos leves.

Destacou o número de visitantes no mes de agosto na Illa de Sálvora que experimentou un incremento dun 91%, ao pasar do 3.483 visitantes aos 6.654 en agosto de 2018. Outro dato que vén sendo habitual cada verán é que Cíes segue a ser a illa con maior afluencia do parque, con 205.168 visitantes, un 8,2% máis que en 2017.

Ana María Díaz detallou que do global de visitantes de Cíes un total de 144.419 accederon mediante o transporte en navieiras para visitas durante o día e 17.954 fixeron pernocta no camping; é dicir, mais de 160.000 persoas se adaptaron ao novo sistema de acceso implantado pola Xunta, e trasladou o agradecemento a todos os visitantes adaptarse aos trámites, porque grazas a esta dinámica a Xunta evitou os problemas detectados o verán pasado. Engadiu que en termos xerais o sistema de control funcionou axeitadamente, permitindo o correcto control da cota de acceso. Non obstante, a Xunta analizará as suxestións dos usuarios para facer cambios no deseño para facer se cabe máis intuitivo e navegable o proceso.

En canto á procedencia dos visitantes de Cíes, un 79% foron españois, fronte ao 21% estranxeiros. Dos visitantes españois, un 36% son galegos, sendo os pontevedreses -un total de 60.013-, seguidos polos coruñeses (16.146), ourensáns (4.425) e lucenses (3.125), os que máis visitan ás Cíes.

Plan reitor de usos e xestión

A directora xeral de Patrimonio natural tamén avanzou que a finais de setembro se celebrará unha reunión do Padroado do Parque, para presentarlle o texto final do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional. Recordou que este documento foi sometido a información pública e se presentaron un total de 87 alegacións, que na actualidade se está a rematar a valoracións das mesmas.

Indicou que unha vez superado dito trámite o proxecto de decreto polo que se aproba o PRUX someterase aos informes preceptivos, entre os que se atopan o do Comité de Coordinación e Cooperación de Parques Nacionais, o do Consello da Rede de Parques e o do Consello Galego de Medio Ambiente. Indicou que as previsións coas que traballa o departamento de Medio Ambiente son aprobar este mesmo ano o Decreto do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional Marítimo-Terreste das Illas Atlánticas.
Parque Nacional das Illas Atlánticas