Skip to main content

Enxálzase a convivencia entre cociñeiros de distintas xeracións que propón o III Gastroforum no CSHG

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou a terceira edición do Gastroforum, que ten lugar no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) baixo o título de Viaxe de volta ao receitario tradicional galego. Na súa apertura, a responsable autonómica de Turismo enxalzou a oportunidade que estas xornadas supoñen para a convivencia entre cociñeiros de distintas xeracións, que compartirán os seus coñecementos e bagaxe ao longo de mesas de debate e obradoiros.

Estas xornadas, abertas a estudantes e profesionais do sector, contarán coa participación de recoñecidos profesionais da restauración e xefes de sala, ademais de produtores do sector primario. Xuntos repasarán temas como a presenza dos produtos autóctonos e as receitas de sempre e realizarán demostracións en vivo con algúns deles, como lamprea, caldeirada ou empanada. Así mesmo, haberá un túnel do pan con catas de distintas variedades.

“Reunimos neste foro ás responsables dos fogóns que gardan a memoria dos nosos sabores máis recoñecibles e a varios dos cociñeiros máis populares de actualidade, que innovan desde a tradición. A súa combinación é a receita que propoñemos”, declarou Nava Castro. Na súa opinión, este regreso ás raíces resulta fundamental para seguir mellorando.

Como lembrou a directora, a enogastronomía é a segunda motivación pola que os turistas elixen visitar Galicia, comunidade líder con Andalucía en establecementos de restauración certificados coa Q de Calidade Turística. Co obxectivo de reforzar esta presenza, avanzou que a Xunta está a elaborar o novo Plan de Enogastronomía, que porá especial énfase no vínculo coa tradición e cos elementos que diferencian e enriquecen a oferta turística.

Ao respecto, Nava Castro afirmou que o III Gastroforum do CSHG “é un acertado resumo do que buscamos acadar en todo o territorio galego co futuro Plan de Enogastronomía”.

Aposta pola formación

Como lembrou, ter un sector máis profesionalizado repercute en que Galicia sexa un destino cada vez máis valorado e que o crecemento turístico que Galicia está a vivir desde hai cinco anos siga a ser de calidade. Por iso, Nava Castro agradeceu aos participantes no foro o seu compromiso pola formación permanente, unha posta compartida co Goberno galego.

O programa completo pode consultarse na páxina web de Turismo de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia