Skip to main content

Galicia presenta en Salamanca a súa oferta turística para destinos de proximidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu en Salamanca a un obradoiro no que máis de 30 empresas galegas deron a coñecer a oferta turística da nosa Comunidade neste mercado de proximidade. Coa participación de máis de 60 operadores de Castela e León, o evento puxo en valor os principais recursos para o mercado nacional. Un mercado, que, como resaltou Nava Castro, o ano pasado supuxo o 77,3% da demanda turística regrada, incluíndo visitantes procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia destacou que neste mercado nacional foi Castela León o segundo territorio que trouxo un maior número de visitantes o ano pasado a Galicia, tan só por detrás da Comunidade de Madrid. Cifras globais que, coa nova Estratexia do turismo de Galicia 2020 —a folla de ruta do turismo galego para os vindeiros anos—, se pretende superar, ata chegar aos 6 millóns de visitantes, entre estranxeiros e nacionais.

No encontro presentáronse varios dos recursos propios de Galicia especialmente atractivos para os mercados de proximidade, afondando no potencial como destino de natureza avalado polos máis de 1600 quilómetros de costa, as máis de 800 praias ou os seus espazos protexidos.

Colaboración público-privada

O Camiño de Santiago, a gastronomía, o termalismo, o turismo activo e a cultura e patrimonio ocuparon tamén varias das sesións de traballo. Ademais, presentáronse algunhas das experiencias turísticas levadas a cabo por Turismo de Galicia, como a Ruta da Lamprea, a Ruta da Camelia, ou iniciativas como o Bono Iacobus, para realizar o Camiño de Santiago pernoitando nas casas rurais galegas, ou os trens turísticos e os cruceiros costeiros.

A celebración deste obradoiro é froito da aposta de Turismo de Galicia por impulsar e apoiar a colaboración público-privada entre o sector turístico, representado nestas xornadas polo Clúster de Turismo de Galicia, e a Administración autonómica.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia