Skip to main content

Máis de 3.000 persoas participaron na campaña Viños e Camelias que tivo lugar en Bilbao

A campaña ‘Viños e Camelias’, impulsada por Turismo de Galicia para promover a experiencia turística creada a carón da Ruta da Camelia e as bodegas que forman parte da Denominación de Orixe Rías Baixas saldouse cun éxito rotundo de participación ao seu paso por Bilbao durante todo este mes de marzo.

Máis de 3.000 asistentes, preto dun centenar de contactos con operadores turísticos e unha cata de viño da D.O. Rías Baixas que contou coa participación de 25 usuarios de Instagram que obtivo un alcance total de máis de máis de 25.000 seguidores son só algunhas das cifras que deixou esta campaña.

O epicentro das actividades foi a Bodega Urbana, un espazo situado no corazón da cidade e especializado en achegar a cultura do viño a todos os públicos. Alí instalouse un xardín de camelias, xunto a unha selección dos mellores viños galegos da D.O Rías Baixas. Tamén se organizaron diferentes catas de viños, incluíndo unha con motivo do Día Internacional da Muller, con viños elaborados por enólogas. Tamén se puido degustar o mellor da gastronomía galega no restaurante do local.

A experiencia tivo unha gran repercusión entre o público da cidade, nos medios de comunicación locais e en Internet, con especial impacto nas redes sociais debido ao interese de bloggers especializados en gastronomía e turismo.

En abril, San Sebastián

Tras o seu paso pola cidade de Bilbao durante este mes de marzo, a próxima parada será a Viñoteca Lukas Gourmet de San Sebastián durante o mes abril. Entre as accións previstas, inclúese a recreación dun bosque de camelias no interior da vinoteca e unha zona expositiva específica onde se poderán ver expostos os viños da D.O Rías Baixas.

Tamén se poderán probar os viños galegos, porque están programadas varias catas durante todo o mes e o restaurante da viñoteca ofrecerá nas fins de semana un menú elaborado con pratos típicos da nosa comunidade. A proposta gastronómica que inclúe esta campaña incluirá tamén tapas galegas que se servirán no restaurante nos días de semana.

Durante o mes de abril, a Vinoteca Lukas Gourmet será, tamén, o punto de venda para todo tipo de produtos de cosmética derivados da camelia e tamén se instalará alí un punto de información turística.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia