A Xunta aposta pola Semana Santa en Fitur como un dos grandes reclamos internacionais de Galicia
 A 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, un dos certames sectoriais de maior repercusión mundial, celebrou a súa primeira xornada dirixida aos profesionais do sector.
A 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, un dos certames sectoriais de maior repercusión mundial, celebrou a súa primeira xornada dirixida aos profesionais do sector.O stand de Turismo de Galicia acolleu ao longo deste primeiro día de celebración un total de 15 presentacións que permitiron coñecer aos asistentes a este certame os principais destinos e produtos da oferta turística da Comunidade galega.
Unha das novidades para este ano foi a presentación da Semana Santa en Galicia a través da cal se puxo en valor as dúas celebracións de Interese Turístico Internacional, Viveiro e Ferrol.
Nava Castro sinalou que para Galicia, como destino, resulta fundamental contar con elementos diferenciais e singulares relacionados con aspectos arraigados na nosa tradición cultural constituíndo as festas un gran reclamo na oferta turística galega. “Estas celebracións favorecen a implementación dunha oferta de lecer atractiva para todos aqueles que queren vivir unha experiencia singular na nosa comunidade”, explicou.
Neste senso, resaltou que a Semana Santa en Galicia permite descubrir a nosa comunidade desde outra óptica e incrementa o atractivo e a oferta cultural do destino, á vez que permite coñecer lugares con grandes recursos turísticos.
Nava Castro afirmou que a Semana Santa de Viveiro está considerada como unha das máis fermosas de España e destaca polo gran valor histórico e artístico das súas imaxes. Ademais, destacou que conta cunha atípica diversidade de representacións relixiosas que redundan nun potente factor de atracción para os numerosos turistas que coñecen a Mariña Lucense grazas á súa Semana Santa.
Así mesmo, referiuse á Semana Santa de Ferrol da cal afirmou é a máis grande de todas as que se celebran en Galicia, pola calidade, polo número das súas procesións, e polos máis de tres mil penitentes que ordenadamente desfilan polas súas rúas pertencentes ás súas cinco confrarías.
A responsable de Turismo da Xunta asegurou que “visitar Galicia en Semana Santa se converte nunha experiencia única que non deixa a ninguén indiferente”.
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia, xunto con outros representantes da Xunta de Galicia, participou nesta primeira xornada, nas outras presentacións que deron a coñecer a oferta turística e as novidades para este 2017 de diversos destinos galegos como a cidade de Ourense, a Ribeira Sacra ou os xeodestinos Arousa Norte e Muros-Noia, entre outros.
Así mesmo, tamén foron puntos fortes do espazo galego nesta primeira xornada do certame, o patrimonio natural de Galicia, a guía ‘...e para comer Lugo’, que cumpre xa a súa 10ª edición, o salón gastronómico Xantar ou a campionato de surf Pantin Classic Galicia Pro que celebra neste 2017 o seu 30 aniversario, entre outro reclamos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia
  




